O restaurante O Balado de Boqueixón, recomendado polo xornal británico 'The Guardian'
O restaurante O Balado de Boqueixón, recomendado polo xornal británico 'The Guardian'
Cualifica o menú de "xoia" gastronómica, digno dunha Estrela Michelin
O pequeno restaurante rural, de só cinco mesas, está na aldea de Ardesende
Pillamos a Roberto, propietario e cociñeiro do restaurante O Balado, dándolles de comer aos animais que cría coa súa parella Marta, copropietaria, no terreo que rodea a súa casa familiar. Eles son os únicos traballadores do pequeno restaurante que montaron no baixo da súa casa na aldea de Ardesende, en Boqueixón, que chamou a atención do xornal británico The Guardian, que recomenda o seu menú galego, entre outros de grandes capitais españolas. Unha verdadeira xoia, di, digna de Estrela Michelin.
"Nós non temos idea de quen é esa persoa nin en que momento comeu. Totalmente anónimo, non somos conscientes", confesa Roberto Filgueira.
Desde que se publicou o comentario, o teléfono non para de soar e a lista de espera xa sobe a máis dun mes para probar a súa cociña.
"Unha cociña moi sinxela, sen pretensións, onde intentamos que as cousas estean ricas, nada máis. É tan pequeniño isto que enchemos con catorce persoas. Onte o teléfono soou máis da conta, máis preguntas".
O Balado, nos seus once anos, xa foi distinguido nos Bib Gourmand e cunha Estrela Verde Michelin polo seu proxecto sostible e respectuoso co medio, do que están moi fachendosos.
"Para nós é dos distintivos aos que lle temos máis cariño polo que representa e polo ligado que está ao noso proxecto. Apoiámonos na nosa horta, pero, sobre todo, nos veciños cun produto fantástico e do día".
Con humildade, Roberto agradece todos os recoñecementos, pero, sobre todo, os clientes anónimos que se achegan día tras día ao rural para gozar da súa cociña como se estivesen no comedor da súa propia casa mentres soan vinilos de décadas pasadas.