Os usuarios da A-52 quéixanse do mal estado do asfalto
Os usuarios da A-52 quéixanse do mal estado do asfalto
A pesar das melloras realizadas, na autovía das Rías Baixas segue habendo treitos con fochancas que supoñen un risco para a circulación
Os usuarios da A-52 quéixanse do mal estado do firme. Na autovía das Rías Baixas segue habendo numerosos treitos con fochancas malia as melloras realizadas. O treito que discorre pola comarca da Limia en sentido Benavente, polos concellos de Sandiás, Xinzo e Trasmiras, é un dos máis afectados, xa que en sentido O Porriño asfaltaron recentemente.
Este verán licitáronse varios contratos de acondicionamento do asfalto e mellora da seguridade viaria. Con todo, estes contratos son a tres anos vista, de maneira que se van executando de xeito paulatino. "Amañaron un par de pontes, pero en liñas xerais segue bastante mal", comentan os usuarios da autovía.
As condicións climáticas e a mala visibilidade, sumadas ao estado do asfalto, dificultan a circulación dos usuarios pola autovía das Rías Baixas.
Ante esta situación, algúns condutores optan por escapar do carril dereito, o máis deteriorado polo paso dos camións, circulando pola esquerda, a pesar de que esta práctica pode ser sancionable con ata 200 euros de multa. "Non sei se é mellor pagar unha multa ou ter un accidente", sinalan os afectados polo mal estado da A-52.
Aínda que o carril da esquerda está reservado para adiantamentos e non debe empregarse de xeito prolongado, a propia lei de tráfico prevé unha excepción cando as circunstancias do tráfico ou da vía, di textualmente, o aconsellen.
Ao longo deste ano realizáronse obras nos viadutos da Valenzá e Allariz, na contorna da cidade de Ourense e nos dous carrís sentido O Porriño, entre Xinzo e Allariz.