Pouca cantidade pero bos prezos para a ameixa na lonxa de Campelo

Malia que a chuvia matou moita ameixa, a que hai é de bo tamaño e está sa

Un dos lotes que se poxaron o luns pola tarde na lonxa de Campelo, en Poio
G24.gal 27/11/2023 20:55 Última actualización 27/11/2023 21:24

Apenas tres cuartos de hora durou a poxa do luns na lonxa de Campelo de 2.162 quilos de ameixa fina e xapónica do marisqueo a pé xunto con 217 quilos de babosa de embarcación. A máis cara foi a fina extra a 90 euros o quilo aínda que a fina de categoría A e B saíu entre 54 e 50 euros o quilo, un prezo máis alto do habitual. A xaponesa andou entre os 20 e os 14 euros da máis pequena e a babosa vendeuse entre 25 e medio e vinte euros o quilo.

"Agardabamos estes prezos ou mesmo un pouco mellores, sabendo que noutros lados non hai ameixa, pero non nos queixamos, están pagando bastante ben. Estamos contentos con iso", contaba satisfeito Adrián Arís, mariscador.

Malia só poder coller media cota, as e os mariscadores de a pé subiron este luns contentos da praia coa calidade da ameixa que encontran tras as chuvias pasadas, pero preocupados pola cantidade con vistas ao Nadal.

"Temos pouca cantidade, morreu moitísima ameixa, e vémolo moi complicado. A ver se podemos salvar media campaña. O importante é que a que sobreviviu está en perfectas condicións", explica Adrián Arís.

Os compradores respiran aliviados ante a chegada da ameixa nunha campaña que presumiblemente alzará os prezos axiña.

Uns e outros teñen a esperanza de que a mortalidade da ameixa non vaia a máis e haxa oferta suficiente para abastecer depuradoras e clientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade