Sexo explícito e violencia, as imaxes que recibiron alumnos de Ames incluídos sen permiso nun chat de WhatsApp
Sexo explícito e violencia, as imaxes que recibiron alumnos de Ames incluídos sen permiso nun chat de WhatsApp
Estudantes de entre once e trece anos do Milladoiro foron incluídos nun chat con imaxes pornográficas e violentas
As familias borraron o chat e eliminaron os seus fillos e fillas e non denunciaron, pero a Garda Civil recomenda gardar as máximas probas e denunciar
O centro asegura que non tivo coñecemento da situación ata agora, cando se está facendo público nos medios de comunicación
Varias familias de Ames advirten de que os seus fillos e fillas foron incluídos, sen o seu consentimento, en grupos de WhatsApp onde se compartían imaxes de alto contido violento e pornográfico. No centro aseguran que están coñecendo o caso agora que se está facendo público en medios de comunicación, lembran que o uso do móbil non está permitido en horario escolar e pídenlles ás familias que aumenten a vixilancia estes días sobre os contidos que poden ver os estudantes nos seus teléfonos.
Primeiro caso que transcende en Galicia
"Agregar xente ata chegar ao milleiro de persoas", "inclúe a máxima xente que poidas". Son algúns dos títulos dos chats nos que varios estudantes dun instituto de Ames foron incluídos sen eles consentilo previamente. O título parece inocente, pero neses grupos de WhatsApp había contido pornográfico e violento en exceso, segundo contan varias familias afectadas. Isto leva semanas sucedendo en institutos de Cantabria, Madrid, o País Vasco ou Cataluña, pero é a primeira vez que transcende que son incluídos estudantes de Galicia.
Recomendan conservar o material como proba para denunciar
As familias que deron a voz de alarma non avisaron o centro nin denunciaron ante a Garda Civil. Borraron o chat e sacaron os seus fillos e fillas do grupo inmediatamente en canto viron o contido sexual e violento. Pero, en situacións así, o recomendable precisamente é conservar o material, facer pantallazo, fotografías ou buscar o xeito de reunir as máximas probas posibles e denuncialo ante a Garda Civil.