Un mozo ferrolán é apuñalado e trasladado ao CHUAC para unha cirurxía de urxencia
Un mozo ferrolán é apuñalado e trasladado ao CHUAC para unha cirurxía de urxencia
Os feitos tiveron lugar arredor das 3 da mañá no centro histórico de Ferrol
O mozo foi atacado nas costas cun obxecto punzante
O presunto agresor non foi detido á espera de que a vítima decida presentar unha denuncia
Un mozo de 26 anos foi trasladado este domingo ao CHUAC para realizarlle unha cirurxía de urxencia tras ser apuñalado de madrugada nunha liorta acontecida no centro histórico de Ferrol.
Os feitos tiveron lugar pouco antes das 03:00 horas, preto dun local de lecer nocturno, na confluencia das rúas Magdalena e Sánchez Barcaiztegui. O ferido foi agredido por outro mozo nas costas cun obxecto punzante.
Foi atendido nun primeiro momento polo persoal sanitario desprazado ao lugar dos feitos, pero o seu estado obrigou a remitilo ao hospital Arquitecto Marcide da cidade ferrolá, preto das 04:00 horas. Ao veren necesaria unha intervención cirúrxica de urxencia, o mozo foi trasladado ao hospital público coruñés.
O presunto agresor non foi detido aínda que si identificado, á espera de que a vítima decida presentar a correspondente denuncia. Unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia e persoal da Policía Local e Nacional desprazáronse á zona tras a chamada dunha testemuña dos feitos.