Arraigo á terra, unha plataforma que nace para promover os produtos de concellos do oriente ourensán

Venden na rede viño, embutidos, bica e ata produtos de cosmética

G24.gal 04/12/2023 21:56 Última actualización 04/12/2023 22:35

Nove concellos do oriente ourensán únense baixo unha mesma plataforma dixital para promover os seus produtos. Baixo o nome Arraigo á terra, poñen á venda por Internet dende o viño, os embutidos ou a bica ata produtos de cosmética, mel ou marmelada, por exemplo. Todo a tan só un click dende calquera punto do planeta.

Teñen en común ser pequenos produtores que traballan de xeito artesanal espallados por nove concellos do rural do oriente ourensán, que, pensaban, precisaban algo máis de promoción. 

"Desde os concellos queremos darlle ese empurronciño a aquelas pequenas empresas que non se atreven ou que non teñen posibilidades para crear unha páxina web e vender os seus produtos. Hai xente que si que quere emprender no rural, que segue traballando polo rural e para que ese despoboamento tan famoso non sexa unha realidade e sexa a realidade de volver á terra: arraigo á terra", explica Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco.

E foi así que esta iniciativa, que partiu nun primeiro momento do concello de San Xoán de Río, suma xa outros oito municipios e arredor dunha trintena de produtores, algúns de toda a vida, outros acabados de chegar.

"Temos salchichón, chourizo, lacón, cachucha, androlla de coiros e androlla de ósos".

"Estamos con algo de godello, tinto e branco xenéricos, e agora imos empezar con temas de mencía".

"Somos dous emprendedores valencianos que nos trasladamos hai dous meses aquí, a San Xoán de Río".

Unha aposta polo comercio local, polas materias primas da zona e por demostrar que tamén dende as zonas rurais é posible dar a coñecer os seus produtos e o potencial da súa terra. 

"Vivimos no rural, e son lugares que se nós non tiramos por eles vanse ir quedando co tempo, e hai que apostar pola terra".

"Téñeno todo, as terras teñen unha maxia, e é importante sacar estes produtos todos, que a xente os coñeza e promocionalos. Entón eu creo que a través desta iniciativa podémolo conseguir".

A plataforma conta ademais co seu propio embaixador, o actor Serxio Pazos:

"É unha plataforma que vai defender todos os produtos e vai vender alá polo mundo toda a gastronomía e todos os produtos que dá esta terra".

Un agasallo para o padal que se abre ao mundo e busca ademais fortalecer os negocios e dinamizar a vida dos concellos máis pequenos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade