A autopsia confirma a morte violenta da muller atopada no Porriño
A autopsia confirma a morte violenta da muller atopada no Porriño
A vítima, Judith, de 37 anos e veciña de Vigo, faleceu asfixiada
Axentes de Criminalística da Garda Civil recolleron mostras no lugar onde apareceu o cadáver de Judith a carón dun contedor do polígono das Gándaras. Baleiraron o seu contido e rastrexaron un predio próximo.
Calquera pegada pode ser determinante para dar co autor ou autores do crime porque a autopsia confirmou que foi vítima dunha morte violenta, por asfixia, como apuntaban xa as primeiras pescudas. Na boca do cadáver atoparon un pano.
"O informe da autopsia e a investigación poderá aclarar moito máis, pero non desbotamos ningunha hipótese", aseguraba o delegado do Goberno en Galicia.
Judith era de Ourense, tiña 37 anos e malvivía coa súa parella nunha casa ocupada no barrio vigués do Calvario. Tiñan unha relación conflitiva agravada por problemas de saúde mental de Judith e polo consumo de drogas. A vítima exercía a prostitución para sobrevivir, e aínda que non se denunciara a súa desaparición, levaban días sen saber nada dela.
"Hai unha semana que non a viamos, xa o estivemos comentando os veciños", aseguraban no barrio.
Os investigadores cren probable que a morte se producise noutro lugar e que trasladasen o corpo e o depositasen onde foi atopado. A violencia machista mantense como un dos posibles móbiles do crime. Judith deixa orfa unha filla pequena, á que procuraba visitar cada fin de semana a pesar da súa precaria situación persoal.