A Coruña e o seu liderado económico e poboacional, por Maite Cancelo
OPINIÓN
A Coruña e o seu liderado económico e poboacional, por Maite Cancelo
Onte presentouse o sexto informe de conxuntura do Club Financeiro de Santiago, patrocinado pola Deputación da Coruña e elaborado por un equipo de investigación de profesores da Universidade de Santiago de Compostela.
No informe realízase unha radiografía dos principais indicadores estatísticos para as comarcas da provincia, estruturado en cinco grandes bloques: territorio e recursos naturais, poboación, mercado de traballo, estrutura produtiva e sector público. Ademais da análise cuantitativa, realízase unha análise máis cualitativa que recolle as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades na provincia.
As conclusións a que se chega no estudo son múltiples e reforzan a provincia da Coruña como líder na distribución da poboación e a actividade económica e industrial de Galicia, ocupando unha posición privilexiada na distribución asimétrica entre as provincias atlánticas e orientais, especialmente no caso das comarcas coruñesa e santiaguesa, nos ámbitos empresarial e cultural-administrativo.
Así, a provincia representa o 27 % do territorio galego, preto do 42 % da súa poboación, o 44 % do seu PIB, o 41 % das súas empresas e preto do 50 % das súas exportacións.
No informe tamén se recolle a melloría da economía galega (e da provincial) no ano 2022 e, se incluímos os datos do segundo trimestre do 2023, para o PIB de Galicia podemos concluír que recuperamos os niveis de prepandemia.
Esta mellora da economía, especialmente significativa no sector servizos, en parte debida á recuperación do turismo na provincia, materialízase nos bos datos tanto da poboación activa (aumento do número de persoas en disposición de traballar) como do número de persoas ocupadas ou novas contratacións, o cal implicou unha diminución do paro na provincia, especialmente, no feminino.
O comercio exterior tamén ten o seu oco, no plano provincial e autonómico, que mostran un novo récord histórico nas exportacións grazas, sobre todo, ao sector de confección de roupa de vestir, pero tamén ás coquerías e refino, ambos os dous, sectores fortes na Coruña, polo que a provincia gaña peso nas vendas exteriores galegas.
E, como diciamos, o informe tamén incorpora unha avaliación dos puntos febles, como son a perda de poboación, o seu envellecemento, o elevado número de microempresas (máis do 96 % teñen menos de dez empregados), a caída do número de autónomos ou a elevada concentración xeográfica, entre outros.
Pero, no lado oposto, e quedamos co positivo, os puntos fortes son o tamaño e a poboación coruñesa con relación ao conxunto da comunidade autónoma, o aumento dos núcleos poboacionais, a densidade de poboación (superior á media), a importante achega das nosas exportacións, o noso saldo comercial positivo ou a dotación de capacidade industrial e talento, ao ser a sede de dúas importantes universidades.
Por falta de tempo, como oportunidades quedarei cun par delas: os recursos que poden achegar os fondos Next-Generation da UE, sobre todo nos proxectos enfocados ao cambio cara ás enerxías renovables, e na economía dos coidados e todos os aspectos relacionados coa transformación dixital, onde a sede coruñesa da Axencia Española de Intelixencia Artificial supón unha oportunidade de transformación do noso sistema produtivo.