Cada seis minutos unha persoa sofre un ictus en España

Arredor de 7.000 galegos sufrirán un ictus no próximo ano, segundo os datos da Sociedade Española de Neuroloxía

No día internacional desta doenza, que se celebra hoxe, Sanidade subliña que os últimos avances no diágnostico e no tratamento permitiron mellorar a atención dos pacientes

Os hospitais de Lugo e de Ourense asumirán as intervencións para eliminar o trombo que impide o fluxo regular do sangue ao cerebro
 

G24.gal 29/10/2023 15:05

Cando un paciente sofre un ictus prodúcese no cerebro unha zona de tecido infartado irreversible rodeada dunha área potencialmente salvable. Unha actuación rápida é fundamental para minimizar as secuelas.

"Durante este ano 2023, as persoas con sintomaloxía de ictus tardaron de media unha hora máis en poñerse en contacto cos servizos sanitarios. O tempo é cerebro, canto antes identifiquemos os síntomas e os signos e antes nos poñamos en contacto co 061 antes poderemos actuar", di Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria.

Ante calquera alteración na forza, na fala ou na expresión da faciana, o aconsellable é chamar ao 061. É a primeira causa de mortalidade entre as mulleres e a segunda entre os homes. 

"O 061 vai empezar a traballar co paciente, vai avisar o centro de referencia que o vai levar para que, sen pasar por urxencias, vaia directamente á sala do TAC para saber exactamente onde está a obstrución e poder actuar de xeito rápido", explica Aboal.

Esta mesma semana Sanidade anunciaba que tamén os hospitais de Lugo e Ourense comezarán a asumir as intervencións en caso de ictus. 

Cada seis minutos unha persoa sofre un accidente cerebrovascular en España, segundo a federación española da doenza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade