Denuncian perigo para cruzar a estrada en Esgos
Denuncian perigo para cruzar a estrada en Esgos
Máis de trescentas sinaturas levan recollido os veciños do Pinto, no concello de Esgos, contra o exceso de velocidade na estrada que atravesa a aldea
Houbo numerosos accidentes e temen polas súas vidas cada vez que teñen que cruzar
No Pinto, travesía urbana, a velocidade na comarcal 536 está limitada a 50 quilómetros por hora, pero os condutores que a respectan son unha excepción.
"Vas pola túa beirarrúa e pasan a unha velocidade que te moven co aire que botan". "Pasan a 150 quilómetros por hora, e non esaxeramos nada. Que estamos esperando?, a que nos esmaguen?", comentan dúas veciñas.
Accións cotiás coma tirar o lixo ou tomar un café no único restaurante da zona convértense nunha aventura. Os propios coches teñen que extremar a precaución para incorporárense á vía sen correr o risco de que outro vehículo os leve por diante. Á dona do restaurante, xa lle chocaron dúas veces contra a mesma porta, en cinco meses.
"A primeira vez, eu estaba durmindo e pensei que me caía a casa enriba. E a segunda vez, estaba cuns clientes aquí na porta e veu un rapaz a toda velocidade. Tirou a cancela miña, a do veciño, chocou contra a casa de en fronte...", explica Rosa, dona do restaurante do Pinto.
Levan recollidas máis de 300 sinaturas, ás que se suman outras en Esgos e en Tarreirigo, onde padecen o mesmo problema coa mesma estrada.
"Faría falta un paso de peóns sinalizado e reducir a velocidade". "Un paso de peóns regulado por semáforo, porque se non igual non o respectan". "Un semáforo á entrada da aldea, intermitente, que poña cincuenta e o que pase de cincuenta, piii", indican os veciños.
Anos atrás, houbo aquí dous atropelos mortais e temen que calquera día volva suceder.