O Arquivo Histórico Diocesano de Mondoñedo, chave para resolver o asasinato de Elisa Abruñedo

O arquivo garda 10.000 libros con partidas de bautismo, matrimonio e defunción dende finais do século XVI

Os investigadores da Garda Civil traballaron durante meses no arquivo para trazar a árbore xenealóxica do presunto asasino

G24.gal 07/11/2023 14:12

O Arquivo Histórico Diocesano de Mondoñedo garda, entre outros documentos, uns 10.000 libros coas partidas de bautismo, matrimonio e defunción das máis de 400 parroquias da diocese de Mondoñedo-Ferrol. Os rexistros remóntanse a finais do século XVI, así que son un legado documental único. 

"Ata 1871 non houbo rexistros civís, así que o único que queda para atrás son os libros eclesiásticos", explica Félix Villares, director do arquivo. "É unha información moi rica", engade.

E para mergullarse nela, hai un par de anos chegaron ata Mondoñedo os investigadores que logo resolverían o asasinato de Elisa Abruñedo, un crime cometido en Cabanas en 2013.

"Chamaron os da UCO para vir aquí, dixéronme que era por unha causa xudicial grave, nada máis", conta Villares. Di que tampouco pediu explicacións porque "estaba todo baixo segredo de sumario".

Agora sabemos que viñan tirando dun fío: nun cribado voluntario deran cun ADN compatible co do asasino. Podía ser un parente de lonxe, así que buscaron aquí o resto da familia. Interesáballes a zona de Ferrol. Tiñan que construír unha árbore xenealóxica para logo ir descendendo por cada póla.

"Eles fixeron varias liñas, non foi unha soa", di o director do arquivo. Afirma que os investigadores "sabían ben o que buscaban", e sabían "o que tiñan que facer para atopalo".

A investigación era secreta, pero si puideron comentar algún detalle sobre o proceso: "Unha cousa que si me dixeron -conta Villares- foi que os desorientaba moito cando había un fillo de moza solteira, porque pola rama do pai xa non podían seguir".

Non viñan todos os días, pero botaron máis dun ano buscando neste arquivo. Foi unha axuda vital para resolver o crime e axudar a deter o presunto asasino, dez anos despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade