Liberada unha das tres persoas feridas nun accidente en Tomiño
Liberada unha das tres persoas feridas nun accidente en Tomiño
Dous coches bateron de madrugada á altura da parroquia de Amorín, en Tomiño
Preto das seis da madrugada, os servizos de emerxencia mobilízanse por un aviso que alerta da colisión entre dous vehículos. É na estrada PO-552, que une Tui coa Guarda, á altura da parroquia tomiñés de Amorín, raiando case con Portugal.
"Atopamos dous vehículos que bateran entre eles. Nun a vítima non sufrira ningún dano aparentemente grave e puido saír polo seu propio pé. Pero no outro había dúas mulleres e unha delas si que estaba atrapada", relata Roberto Domínguez, bombeiros do Baixo Miño.
No escenario do sinistro hai choiva, escuridade e dous vehículos con graves danos. Todo apunta a unha colisión por alcance. Hai tres persoas mancadas. Unha sae do coche polos seus propios medios e con feridas de diversa consideración.
No interior do outro turismo, hai dúas mulleres duns sesenta anos e veciñas da zona. Unha delas está atrapada e incapaz de saír do vehículo, que presenta danos severos nun lateral.
"As lesións eran de certa entidade e por iso, quedaron no coche e non podían saír polos seus propios medios", explica o bombeiro.
Bombeiros do Baixo Miño e integrantes do GES da Guarda liberan por medios mecánicos a muller atrapada, que foi trasladada en ambulancia xunto aos outros dous feridos ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Todos eles ían conscientes.
A Garda Civil de Tráfico supervisou o restablecemento da circulación na vía, parcialmente interrompida nun dos carrís ata a retirada dos coches sinistrados.