Falece un home de 84 anos tras caer co seu coche por un terraplén en Tomiño
Falece un home de 84 anos tras caer co seu coche por un terraplén en Tomiño
O suceso tivo lugar ás 12:25 horas deste martes no barrio de Vilachán, no concello pontevedrés de Tomiño
O rescate do cadáver, 60 metros monte abaixo, foi moi complicado
O accidente descubrírono por casualidade unhas persoas que circulaban a mediodía deste martes polas pistas forestais da comunidade de Montes de Tomiño.
"Atopei aquí un canciño que estaba como agardando por alguén. E vimos que alí abaixo había un coche no medio dos eucaliptos. Fun mirar para ver que puidera pasar e atopeime co falecido na metade da costa", contaba Jorge Castiñeira.
A vítima tiña 84 anos. Suponse que saíu despedido do coche durante a caída do seu vehículo polo terraplén.
"A caída foi aproximadamente duns 60 metros ata onde estaba a vítima e despois o coche aínda quedaba 20 metros por debaixo", relataba Roberto Domínguez, xefe do parque de bombeiros do Porriño.
Rescatar o cadáver non foi doado.
"Para poder chegar a el tivemos que montar un sistema de liñas con cordas ata poder acceder ao corpo e extraelo ata a pista forestal", explicou Domínguez.
Ademais de efectivos de bombeiros do Baixo Miño, no operativo participaron membros do GES da Guarda e de Protección Civil do Porriño e axentes da Policía Local e da Garda Civil.