Investigan o homicidio dun home tiroteado en Arteixo en plena rúa
Investigan o homicidio dun home tiroteado en Arteixo en plena rúa
A vítima recibiu un disparo e os servizos sanitarios non puideron salvarlle a vida malia a súa rápida intervención
A Garda Civil investiga o homicidio a tiros dun home en Arteixo. O suceso produciuse pouco antes das 18:00 horas nunha rúa da vila, á altura do centro social de Froxel, onde acabou falecendo o home de 42 anos, a pesar dos esforzos do persoal sanitario, despois de recibir un disparo.
Segundo contan os veciños, a vítima ía paseando. Un coche con varios individuos no seu interior paraba e baixaban do vehículo. A continuación mantiveron un forcexo co falecido e acabaron disparándolle e matándoo.
A vítima é unha persoa coñecida na vila, traballaba como porteiro no Grupo Pelícano da Coruña e era asiduo dun ximnasio.
Do 061, ao momento enviaron una ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado, que non puido facer nada pola súa vida.
Mentres, a Garda Civil fíxose cargo da investigación dun crime cuxas causas se descoñecen polo momento. Non se descarta ningunha hipótese. Algunhas testemuñas aseguran que recibiu un único tiro na cabeza.
Este luns á mañá, con luz do día, axentes do Instituto Armado, inspeccionaban a zona do tiroteo buscando probas do crime que permitan dar cos autores.