Mariscadores de Ferrol invisten máis de dúas horas ao día en retirar residuos dos seus aparellos

Queren dar coa orixe para atopar unha solución

Sospeitan dalgún emisario dalgunha depuradora que hai na costa

G24.gal 21/11/2023 14:21

Á media mañá chegaba de pescar o Cabo Prior Un ao porto de Ferrol. E traía os seus aparellos cheos de restos de toalliñas de bebés e doutros obxectos de uso cotián.

"E tardamos horas e horas todos os días en limpar os aparellos que, ao ter os residuos xa non pescan igual. E moitos, rompen", explica Ignacio Granda, o patrón do Cabo Prior Un.

Arredor dunha trintena de barcos estanse a ver afectados desde que comezou a campaña da centola. Son os barcos que pescan en augas do porto exterior, Chanteiro ou Sueiro.

Os mariscadores sospeitan que a orixe deste problema está nalgún emisario dalgunha depuradora que hai na costa. 

"Xa lle trasladei o informe da situación á Consellería de Pesca e ao Concello de Ferrol. Hai que buscar a orixe do problema para intentar dar coa solución", di o patrón maior da confraría de Ferrol, Gustavo Chacartegui.

Porque aseguran que esta non é a primeira vez que sofren este problema.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade