O BNG proclama a Ana Pontón candidata á presidencia da Xunta
O BNG proclama a Ana Pontón candidata á presidencia da Xunta
A líder nacionalista presentouse como a única alternativa para lograr un cambio en Galicia
Militantes, simpatizantes e diferentes cargos públicos do BNG arrouparon este domingo a candidata do partido á presidencia da Xunta, Ana Pontón, que se definiu como a aspirante de "todos os galegos e galegas que queren cambio".
Baixo o lema "É agora, Ana Pontón presidenta" e ante unha multitude entregada no Multiúsos do Sar compostelán, manifestou que ela é a mellor opción para defender os intereses de Galicia.
Na súa intervención, avanzou que unha das primeiras decisións que tomará se alcanza a presidencia do Goberno galego será "sacar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta".
"Ser a candidata do BNG á Presidencia da Xunta é unha honra e unha enorme responsabilidade. Quero dicirlles a todas as persoas que queren cambio que son a súa candidata, non importa o que votasen noutras eleccións. Hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo", declarou.
Ana Pontón convidou a botar a vista atrás, aos corenta anos de democracia con seis presidentes, todos homes e de forzas estatais.
"Pensades que nos foi ben, que colocaron a Galicia no lugar que lle corresponde? (...). Pídolles aos e ás galegas que me dean a oportunidade de demostralo, de demostrarlles que podemos facelo mellor, cunha presidenta coas mans libres e un proxecto común de país", agregou.
Voto masivo
A líder nacionalista pediu o voto masivo e a mobilización do seu electorado para "facer historia" cunha presidenta "capaz de poñer en marcha unha Galicia en grande fronte á Galicia en pequeno que deixa o goberno do PP".
"Catorce anos de retroceso, ese é o legado de Rueda", sintetizou.
En referencia ao candidato popular, afirmou que o ve máis "enfurecido" ca nunca co BNG, xa que desde a oposición o Bloque impulsa unha axenda galega ante o Estado, en contraposición coa súa incapacidade para defender os intereses do país.
"Galicia non pode seguir cara atrás nin un minuto máis, ten que empezar a avanzar porque está en xogo a sanidade, a atención ás persoas maiores, o futuro da xente nova, sacar adiante os sectores produtivos ou preservar o territorio", afirmou.
Expresou a necesidade de centrarse no importante e de esquivar o intento das forzas estatais de contaminar as eleccións "coas súas batalliñas madrileñas".
"As eleccións non van de Feijóo nin de Sánchez, van de solucións para o noso futuro colectivo, de facernos valer e de avanzar", concluíu.