O Comité das Rexións apoia a Galicia na defensa da pesca de arrastre
O Comité das Rexións apoia a Galicia na defensa da pesca de arrastre
Defenden a importancia socioeconómica que ten para moitas rexións costeiras
Piden que se faga unha "transición gradual" para garantir o "equilibrio" entre sustentabilidade e a viabilidade económica do sector
A Xunta de Galicia logrou este mércores o apoio do Comité Europeo das Rexións (CdR) para defender "a importancia socioeconómica" que ten a pesca de arrastre en moitas rexións costeiras da UE. Aínda así, a institución comunitaria tamén admitiu "o impacto ambiental" que ten esta arte para os ecosistemas mariños.
Isto forma parte dun ditame impulsado polo Executivo galego, aprobado este mércores por unanimidade no pleno do CdR, o organismo da UE que representa os gobernos locais e rexionais dos vinte e sete.
O redactor do texto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta Jesús Gamallo, reclamou anteriormente á Comisión Europea unhas "bases científicas máis sólidas e contrastadas" para así poder tomar decisións sobre o futuro da pesca de arrastre, tras a proposición de Bruxelas de prohibir a súa actividade para 2030 nas zonas mariñas protexidas.
"Hai moitas especies que só se poden pescar con pesca de arrastre e non todas as artes de arrastre son malas porque si, isto depende de como se apliquen e de onde se apliquen", engadiu Gamallo.
No ditame aprobado que el impulsou, o Comité das Rexións insta a Comisión Europea a realizar "unha transición gradual" en materia ambiental para o sector pesqueiro, para así garantir o "equilibrio" entre a sustentabilidade e a viabilidade económica do sector.
"Somos partidarios da sustentabilidade do sector pesqueiro, somos partidarios de cumprir o Pacto Verde Europeo e chegar ao ano 2050 coa neutralidade climática, pero isto hai que facelo de maneira ordenada se queremos ser eficaces", subliñou Gamallo cando foi preguntado por se o ditame chamaba a rebaixar as esixencias ambientais.
No texto impulsado pola Xunta que o Comité das Rexións fixo seu, apostan por abandonar "gradualmente" os combustibles fósiles contaminantes das frotas pesqueiras. Reclaman facelo "de forma harmonizada" en toda a UE.
"Sería desexable, ademais, defender no marco da Organización Mundial de Comercio unha homoxeneización da tributación en todos os países produtores de produtos pesqueiros para evitar distorsións da competencia", explica o ditame aprobado.
Gamallo cre que é importante financiar os armadores para que poidan "adaptar os barcos ás novas enerxías limpas". Así mesmo, tamén remarcou de novo que neste proceso quedan "moitas cousas por definir" e deben ser tratadas "con prudencia e responsabilidade".
"Isto só se pode facer se abordamos unha verdadeira reforma da Política Pesqueira Común, non respondendo a comunicacións ou a informes da Comisión Europea", resolveu Gamallo.
Medidas incluídas no ditame
O ditame aprobado este mércores polo Comité das Rexións dá resposta a un paquete de medidas pesqueiras presentado o pasado mes de febreiro á Comisión Europea. Entre elas, propoñíase, ademais de vetar a pesca de arrastre nas áreas protexidas para 2030, unha redución das capturas accidentais de especies que non pretenden ser pescadas.
O Executivo comunitario optou por conxelar a súa proposta de prohibir a pesca de arraste tras as críticas recibidas por parte de estados como España, Francia ou Alemaña.
A postura do CdR é consultiva, non vinculante, xa que os únicos organismos con capacidade para adoptar regulacións na UE son o Parlamento Europeo e o Consello, o órgano que representa os gobernos de cada país membro.
No ditame aprobado este mércores, o Comité das Rexións tamén reclama á Comisión Europea que, para a vindeira lexislatura, a carteira de asuntos de pesca teña un carácter independente dentro do Executivo e que non estea vinculada á de medio ambiente como ata o de agora.