O sector mar-industria galego esixe ao Goberno "reconsiderar a súa decisión" sobre a lei galega do litoral

A Xunta ve que é "un recurso político" e que a anticonstitucional no contexto actual "é un desprezo" á intelixencia dos galegos 

O Goberno defende que a única concesión rexeitada de costas en Galicia foi da Xunta

G24.gal 28/10/2023 14:28

O sector mar-industria galego esixiu ao Goberno que "reconsidere" a súa decisión fronte a lei galega do litoral xa que "pon en perigo" o recoñecemento do uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sostible do litoral de Galicia.

Así o pediron nun acto, no que leron e asinaron un manifesto, celebrado este sábado na Cidade da Cultura en defensa da lei galega do litoral que, o pasado 10 de outubro, o Consello de Ministros aprobou un recurso de inconstitucionalidade contra 31 artigos e dúas disposicións da mesma.

Alí, acudiron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e representantes do sector.

"Aínda está a tempo o Goberno e ten a opción de recuar o Goberno central, de dar marcha atrás. Non llo pide o Goberno galego, estanllo pedindo os galegos e as galegas", afirmou Ánxeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

"Esta é unha reunión e un manifesto que nolo pediu todo o sector, creo que todo o sector mar-industria ten moi claro que a lei que se aprobou no Parlamento Galicia é a lei para que sigan traballando tantísimas familias do mar e unha lei que protexe o noso litoral", destacou Alfonso Villares, conselleiro do Mar.

Tras o acto e en declaracións aos medios, Villares remarcou que esta foi unha reunión e un manifesto que "pediu todo o sector" que ten "moi claro" que a lei galega do litoral é "a lei de Galicia" polo que no manifesto "vese esa unidade" do sector mar-industria.

Villares incidiu en que "esperan" que o Goberno "de marcha atrás" a ese recurso, xa que a lei "cumpre todos os obxectivos que hai que cumprir" e "dentro da Constitución".

"Ninguén pode pensar que Galicia vaia fose da Constitución cando somos unha Comunidade que é autenticamente leal co Estado. Que se nos diga iso a nós cando noutros lados fálase de amnistía e referendo é un certo desprezo e insulto á intelixencia dos galegos", suliñou.

 Villares incidiu en que o que di a lei é que "calquera proxecto" que se queira desenvolver "ten que contar con Galicia" e cuns recursos marítimos e que hai unhas zonas de pescas "que hai que protexer".

Ao preguntarlle os medios sobre se Galicia ten esas competencias, o titular de Mar explicou que estiveron "moito tempo coa lei", falouse dela, publicouse e aprobouse no Parlamento e a "única comunicación" que souberon é que se meteu un recurso de inconstitucionalidade o último día.

"Non é un recurso xurídico é político"

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda incidiu en que lle piden ao Goberno "que reconsidere" o recurso que, para Vázquez, "non é xurídico, é político".

O xoves, segundo detallou, chegoulles unha notificación por parte da secretaria do Consello de Estado na que se "lles negaba" ter acceso ao Consello do Estado, toda vez, que eles "non recibiron ningunha comunicación oficial" da impugnación da lei.

"Por tanto se o Consello do Estado non recibiu esa comunicación, se non teñen a capacidade de enviarnos o seu ditame porque entenden que non somos prexudicados, ata que eles teñen esa confirmación oficial, o Goberno Central teñen opción de dar marcha atrás", sentenciou.

Cifras do sector 

No encontro, o presidente da Federación Galega de Confrarías e Pescadores, José Antonio Pérez, e a presidenta da Comisión Mar Industria da CEG, Isabel Cañas, leron un manifesto que, posteriormente, asinaron xunto cos conselleiros.

Desta forma, Pérez destacou que se houbese que definir "un caso diferencial" da economía galega sobre a española e a europea, sería a "importancia da economía da pesca, marisqueo e acuicultura", xunto coa cadea mar-industria.

En canto a cifras, detallou o complexo mar-industria alcanza o 4,8% do PIB de España, o sector extractivo chega ata o 2,1% e xera máis de 50.000 empregos directos.

"A suspensión da lei supón a paralización das concesións do litoral e dos sistemas de depuración de augas poñendo en risco a viabilidade de preto de 4.000 edificacións e centos de empresas que operan na costa", lía Manifesto Isabel Cañas Landín, presidenta da Comisión Mar Industria da CEG.

O Goberno defende que a única concesión rexeitada de costas en Galicia foi da Xunta

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defende a actual lei do litoral e apunta que a norma "xa permitiu que as 55 concesións analizadas e estudadas polo Goberno neste últimos cinco anos fosen prorrogadas" mentres que "a única rexeitada foi por parte da Xunta".

Pedro Blanco comentou este sábado nun acto en Cambados que o "Goberno central foi moi respectuoso co sector mar-industria e con todas as iniciativas que decide levar a cabo".

"Teño que dicirlle á Xunta que a maior defensa do sector é a propia lei en vigor", sinalou o delegado do Goberno como resposta ao Executivo autonómico, que criticou que o Goberno presentase un recurso de inconstitucionalidade contra a lei do litoral por entender que invade competencias estatais en distintos ámbitos.

Blanco manda unha "mensaxe de tranquilidade" ao sector porque "o Goberno vai seguir traballando na mesma liña de xestión responsable e equilibrada das costas" para así "garantir o futuro e a actividade da industria do mar".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade