Piden cinco anos de cadea para os acusados por unha agresión en Vigo
Piden cinco anos de cadea para os acusados por unha agresión en Vigo
Unha testemuña protexa confirma "ao cento por cento" nuns vídeos os acusados
As vítimas sufriron traumatismos cranioencefálicos e cervicais, perda de pezas dentais, rotura dos ósos e varias contusións
A acusación pide indemnizacións de ata 30.000 euros polas lesións causadas
Hoxe comezou na Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo o xuízo polos feitos acontecidos na madrugada do 30 de xaneiro de 2022 na rúa Hernán Cortés, en Vigo, onde unhas imaxes recollen a malleira brutal que dous individuos lle deron a outra persoa. Houbo tamén un segundo ferido no acontecemento, mais non se recolle nas imaxes presentadas pola acusación. Os dous agredidos sufriron traumatismos cranioencefálicos e cervicais, perda de pezas dentais, rotura dos ósos do nariz e varias contusións.
Todo comezou porque as vítimas lles recriminaron aos agresores que estaban ouriñando no portal dun edificio. "A partir de aí as imaxes gravadas por un veciño son reveladoras da violencia que empregaron os acusados", explica a avogada da acusación, Lourdes López Fernández. Unha testemuña protexida ratificou este xoves a identificación dos acusados, Adrián S. e Gregorio G.
Sentan no banco dos acusados estes dous ourensáns, un futbolista afeccionado e un monitor deportivo, que nesta primeira sesión afirmaron que a noite dos autos saíran de festa por Vigo e beberan moito, pero que non lembran iniciar ningunha liorta. As vítimas tamén compareceron na vista, identificaron aos agresores e recordan recibir unha malleira que os deixou inconscientes. A acusación pide indemnizacións de ata 30.000 euros polas lesións que sufriron os rapaces.
As imaxes son unha proba fundamental neste caso. A persoa que recoñeceu os agresores acudiu inmediatamente á policía ao saber que detiveran un vigués por estes feitos, afirmando que estaba "seguro cen por cento" da identidade dos implicados. Fiscalía e a acusación particular coinciden na petición de ata 6 anos de cadea por un delito de lesións con asañamento e aleivosía. O xuízo alongarase ata o venres coa declaración de policías e peritos que examinaron as vítimas.