Sen iluminación pública en varias aldeas de Ramirás

Os afectados son os veciños de Pazos, Paizás e O Terrado

Á parte da iluminación, din, sofren problemas constantemente coa subministración eléctrica
 

Atribúen o problema a unha avaría no cadro eléctrico
G24.gal 07/11/2023 14:10

A noite pecha mete medo en Paizás.

"Non se ve nada, como non vai dar medo. Non se pode nin abrir a porta, que non se ve nin para abrir a porta", sinala unha veciña.

Levan sen iluminación desde o xoves da semana pasada, coincidindo co temporal. Atribúen o problema a un cadro eléctrico. 

"Están todos os automáticos para abaixo, a tapa caída...". "Eu penso que baixan pola chuvia, porque se mollan e os limitadores, ao entrarlles a auga, teñen que baixarse. Nós non os podemos subir porque é un perigo, se alguén está na liña e lle mandamos corrente, que o imos chamuscar", explican.

O caso, din, é que non é só a iluminación pública. Os cortes na subministración eléctrica son unha constante nestas aldeas.

"Con xente maior, que non podes nin poñer un radiador, ou xente que ten osíxeno, que fan sen luz?", pregunta unha veciña.

Atribúen as reiteradas avarías á falta de mantemento das instalacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade