Sete galegos detidos ao desartellar a Garda Civil unha rede de distribución de droga
Sete galegos detidos ao desartellar a Garda Civil unha rede de distribución de droga
Na operación a Garda Civil detivo 8 persoas, nas provincias da Coruña, Pontevedra e Madrid
O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña detivo a oito persoas na operación Mar Rice.
A mencionada operación iniciouse en Vilanova de Arousa, desde onde se distribuía este tipo de substancias para a cidade da Coruña e a súa zona periurbana.
As detencións realizadas foron tres na Coruña, unha en Buño, unha en Cambados, dúas na área periurbana de Santiago de Compostela e unha na Comunidade de Madrid.
Entre os detidos hai provedores, transportistas e destinatarios finais da substancia ilícita coa que comerciaban en diferentes puntos da provincia da Coruña.
A organización desarticulada tiña capacidade loxística para transportar a substancia ilícita internacionalmente, tendo vinculacións son países como Suíza e Inglaterra con capacidade de distribuír máis de 10 quilos de cocaína mensuais.
Empregaban vehículos e remolque dotados de habitáculos ocultos (caletas) precedidos de vehículos lanzadeira, que circulaban varios quilómetros por diante do transporte co labor de advertilo da presenza dos controis das forzas e corpos de seguridade.
As detencións comezaron o pasado día 5 de outubro coa detención dun dos membros do grupo criminal na Comunidade de Madrid cando transportaba nunha cabeza tractora 148 quilogramos de haxix e dous quilos de éxtase con destino á cidade de Murcia para o seu envío a Inglaterra.
Posteriormente produciuse a detención do principal transportista da organización na localidade de Teo o pasado día 18 de outubro de cando realizaba unha viaxe entre Vilanova de Arousa e A Coruña para a distribución de 5 quilos de cocaína, que ían distribuídos en 5 paquetes ocultos no interior dunha sofisticada caleta na furgoneta.
Despois das entradas e rexistros, tres na cidade da Coruña, un en Buño, dous en Cambados e dous en Vilanova de Arousa, xunto coas substancias incautadas nas detencións anteriores, puideron facerse con 148 quilos de haxix, 2 quilos de éxtase e 6 quilos de cocaína. Ademais atoparon 119.200 euros, 5.000 francos suízos, e inmobilizaron 6 turismos e 1 cabeza tractora.
Os detidos declararon no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución non 6 da Coruña, decretando a Autoridade Xudicial o ingreso en prisión de seis dos oito detidos.