O profesor detido en Lugo por posesión de pornografía infantil traballaba nun colexio de Láncara

Cando o centro tivo coñecemento do asunto convocou unha xuntanza cos pais

O docente levaba varios cursos impartindo clase a nenos de entre 3 e 11 anos

G24.gal 08/11/2023 14:10

O profesor que foi arrestado por posesión de pornografía infantil en Lugo era docente nun centro escolar do concello de Láncara. No colexio descoñecían o feito. O asunto está baixo segredo de sumario, e non foi ata pasados varios días que a Policía Nacional informou do sucedido á dirección do centro. 

A sorpresa é a reacción máis común en Láncara ao saber que o home que foi detido por posesión de pornografía infantil era profesor no colexio de Pobra de San Xiao. A noticia transcendeu recentemente e os veciños non ocultan a súa indignación polos feitos. 

O profesor levaba varios anos impartindo clase no centro a nenos de educación infantil e primaria, a rapaces de entre os 3 e os 11 anos. Agora está na cadea. 

A detención produciuse despois de que axentes da Unidade de Familia da Policía Nacional de Madrid detectasen o acceso a páxinas web de distribución de pornografía infantil no domicilio deste profesor en Lugo. No rexistro atoparon máis de 4.000 arquivos ocultos con contido pornográfico onde saían menores de idade. 

Cando o centro tivo coñecemento do asunto, convocaron unha xuntanza cos pais para informalos de que os axentes estaban investigando o ocorrido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade