A mocidade achégase á realidade das adiccións no encontro "Ao redor de Fariña"
A mocidade achégase á realidade das adiccións no encontro "Ao redor de Fariña"
Especialistas e adolescentes debaten sobre este problema aproveitando a obra de teatro
Xosé Touriñán, o coñecido cómico galego, ademais de presentar a obra teatral "Fariña" por todo o país, participa de xeito paralelo nunhas xornadas dirixidas ás familias e aos adolescentes para amosar que as adiccións teñen consecuencias reais, máis alá da ficción.
"Falar de adiccións, novas e vellas, e cales son os problemas que nos traen. Está ben botalo aí enriba da mesa e completar un pouco este fenómeno 'Fariña'. Que non sexa só por distracción, por desfrute, que tamén, senón que nos ensine", asegura o cómico e actor galego.
O encontro chamado "Ao redor de Fariña", que se celebrou este sábado no auditorio de Santiago de Compostela, tratou como os avances tecnolóxicos crearon e potenciaron adiccións coma o xogo pola Internet, os videoxogos e a problemática das redes sociais.
"Cando imos aos centros educativos é verdade que eles son moi conscientes dende a parte racional de moitos dos riscos que hai na rede. Pero tamén é certo que ás veces non saben medir eses riscos", indica Patricia Gómez, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e participante nas xornadas.
As nova tecnoloxías non fixeron desaparecer as dependencias tradicionais: o alcol, o tabaco e as drogas, que nos casos como o cánnabis gozan dunha consideración social pola súa suposta inocuidade.
"Están inoculando na poboación, moitos deles adultos, que hai un consumo recreativo das drogas, como se a xente pensase que consumir na fin de semana fose menos perigoso que consumir o luns ou o martes", asegura o profesor da Universidade de Vigo, Manuel Isorna.
Para os especialistas as novas tecnoloxías non se poden prohibir, pero cómpre regulamentalas na casa pola familia. En canto ás dependencias de sempre só hai unha solución: educación e prevención.