Publicador de contidos
Publicador de contidos

"No o viviu porque perdeu o coñecemento, e agora di como é posible vivir despois disto"

"No o viviu porque perdeu o coñecemento, e agora di como é posible vivir despois disto"

As vítimas do accidente do Alvia seguen relatando no xuízo como foi o impacto e o seu proceso de recuperación

Peritos dunha e outra parte puntualizan as coincidencias e discrepancias sobre a evolución e as secuelas en cada caso

G24.gal 23/03/2023 14:43

Segue o xuízo e a vista das distintas valoracións para establecer as compensacións definitivas para as vítimas do accidente do Alvia. Na sesión deste xoves púxose de manifesto unha vez máis o difícil proceso de recuperación das múltiples secuelas ás que aínda hoxe se enfrontan as vítimas.

A protagonista arredor da que xiraron todas as comparecencias desta xornada quedou inconsciente desde o primeiro momento do choque, foi operada tres veces, e tras 6 meses no hospital, iniciou unha longa recuperación que ela e moitos dos familiares que a acompañaron nese proceso detallaron na sala. 

"Despois cando me deron a alta levábanme cada día na ambulancia ata o hospital ata que un día me dixeron non podes seguir vindo porque os seguros retiráronche a rehabilitación". 

Desde entón mantén a rehabilitación pola súa conta, para aliviar as dores. Unha das cousas que se terá que clarificar na vista é se corresponde que lle aboen eses gastos, amais de establecer unha valoración definitiva da diminución da calidade de vida que lle supuxeron as múltiples lesións que tivo nas pernas, cuestión sobre a que os peritos das partes, como no resto de casos xulgados, expuxeron as súas coincidencias e discrepancias.  

Amais da rehabilitación física, neste caso tivo que afrontar a morte da irmá que a acompañaba no tren e aínda lle queda, segundo acreditaron os seus familiares, acabar de asumir o que pasou desde que perdeu a consciencia no accidente. 

"Ela levantouse e dixo: 'Ai, que descarrila', e perdeu o coñecemento. Ela non o viviu, estao revivindo agora porque o viu fai moi pouco na televisión e un día chamoume chorando e díxome como é posible que eu siga vivindo despois disto".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade