42,8 graos de máxima en Galicia nunha nova xornada abafante
42,8 graos de máxima en Galicia nunha nova xornada abafante
Ribas de Sil e en Vilamartín de Valdeorras foron os concellos coas temperaturas máis altas
A vaga de calor deixa valores extremos de máis de 30 graos de madrugada en varios puntos de Galicia
A calor asfixiante foi a nota predominante en Galicia este mércores no que os termómetros volveron a superar os 40 graos en distintos puntos de Galicia e as máximas rozaron os 43.
A temperatura máis alta rexistrada en Galicia, igual que o que ocorría o martes, rozou os 43 graos. Concretamente, foi de 42,8, e alcanzouse na localidade lucense de Ribas de Sil e en Vilamartín de Valdeorras, en Ourense, dúas localidades situadas en diferente provincia pero xeograficamente moi próximas.
E é que o sur de Lugo e Valdeorras foron os lugares máis cálidos deste mércores, onde tamén se alcanzaron os 42,2 graos en Pantón e os 41,9 en Monforte de Lemos, ambas en Lugo; así como os 42 en Ourense cidade.
No caso da provincia de Lugo, outros valores altos estiveron en Sarria, con 41,2 graos, Rubiá e Bóveda, onde o mercurio subiu ata os 41 graos, ou Lugo capital, con 40,2.
Na Coruña, este mércores rexistráronse máximas superiores ás do martes, concretamente na área da capital provincial. Os termómetros chegaron ata os 39,5 graos en Mabegondo e ata os 39,1 en Abegondo. A máxima en Ferrol foi de 38,7 e os 37,9 graos alcanzáronse tanto en Melide como en Bergondo.
No caso da provincia de Pontevedra, as máximas foron as de Salceda de Caselas, con 38,7 graos, e a de Ponteareas, onde se rexistraron 38,4.
A partir do xoves espérase que a onda de calor vaia remitindo en Galicia, coa entrada de ventos desde o mar que desviarán a masa de aire cálido. Con iso, as temperaturas baixarán considerablemente, uns 10 graos de media.