A area invade un carril da principal estrada de acceso a Muxía
A area invade un carril da principal estrada de acceso a Muxía
É un problema recorrente que sucede cada vez que hai nordés
Os veciños reclaman unha solución definitiva
Durante algo máis dunha semana un dos carrís da estrada que une Berdoias con Muxía ao seu paso pola praia da Cruz estivo cortado a causa da gran cantidade de area acumulada na vía. Nalgúns tramos formouse unha duna de ata un metro de altura. Dous operarios de Mantemento de Estradas da Xunta estiveron retirando a area durante boa parte da mañá. Os veciños agradéceno pero din que en breve volverá estar igual.
Quéixanse de que cando a area invade a estrada o perigo é constante para os condutores e tamén para os viandantes.
Os veciños piden ás administracións competentes que senten para buscar unha solución definitiva a este problema.
Dende o concello de Muxía lembran que esta é unha estrada autonómica sobre a que non teñen competencia. Aseguran que no mes de setembro xa lle trasladaron tanto a Costas como á Xunta, como titular da estrada, que existía este problema recorrente neste punto da AC-440.