A auga da traída de Malpica non é apta para o consumo nin para o aseo
A auga da traída de Malpica non é apta para o consumo nin para o aseo
Un bando municipal restrinxiou os usos este mércores polos malos cheiros
O Seprona e Augas de Galicia investigan unha posible vertedura no río Vaa
Agardan o resultado das análises para autorizar de novo o uso habitual
A fonte Vella de Malpica estaba esta mañá especialmente concorrida. Os veciños da vila volveron a ela para abastecerse desde que este mércores empezaron a notar mal cheiro na auga da billa. Uns din que cheira a xurro, outros a gasóleo ou a alcanfor e que se nota moito por exemplo no vapor da lavalouzas.
O Concello sacou un bando advertindo que a auga da rede non é apta para o consumo nin para o aseo e alertou tamén a Augas de Galicia e ao Seprona para que inspeccionaran o río Vaa no que se abastece a depuradora municipal, por se houbese posibles verteduras.
En vista de que a auga do río semella estar en boas condicións, os técnicos da empresa municipal están baleirando e limpando os depósitos de almacenamento e tomando mostras de distintos puntos da rede para confirmar que xa se evacuou toda a auga afectada.
No Concello aseguran que isto non ten nada que ver coa contaminación que obrigou a restrinxir o consumo o verán pasado. Agardan que os resultados definitivos das análises determinen as causas dos malos cheiros e contan que se poida certificar que volve ser apta para o consumo nas próximas horas.