Publicador de contidos
Publicador de contidos

A campaña da centola rexistra os mellores datos de descargas e facturación da última década

A campaña da centola rexistra os mellores datos de descargas e facturación da última década

Na recta final antes da veda, comercializáronse nas lonxas galegas 589 toneladas por un valor de 5,2 millóns de euros

No Grove, que é o porto que máis volume move deste marisco, xa levan 12 toneladas vendidas máis que o ano pasado a estas alturas

G24.gal 04/04/2022 14:50

Entre novembro de 2021 e marzo deste ano as lonxas galegas comercializaron unhas 589 toneladas de centola, que xeraron máis de 5,2 millóns de euros. É o mellor dato tanto en volume de descargas como en facturación respecto do mesmo período dos últimos dez anos. Destas cantidades, 80 toneladas vendéronse na lonxa do Grove, que facturou 1,2 millóns.

A secretaria da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, Lorena Fernández, explica que estes datos supoñen unha melloría de 12 toneladas respecto do rexistro do ano pasado no mesmo período, aínda que os prezos "quizais o ano pasado foron un pouco máis altos".

A nortada fixo que este luns moitos preferiran quedar en terra, e outros moitos neste tempo se dedicaran só á centola como especie de acompañamento. Con todo, os bos datos aínda teñen marxe de mellora, porque quedan dous meses para finalizar a campaña e nesta recta final os prezos adoitan subir.

Un dos que hoxe quedaron en terra, o patrón de pesca José Manuel Mascato, explica que "o normal cando vai terminar a campaña é que os prezos tiren un pouco para arriba". Confirma que "estamos satisfeitos tanto coas capturas como co rendemento económico".

A día de hoxe, o prezo medio por quilo roza os nove euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade