Publicador de contidos
Publicador de contidos

A campaña da renda, a época do ano en que agroman as ciberestafas

A campaña da renda, a época do ano en que agroman as ciberestafas

As forzas de seguridade alertan de correos electrónicos ou SMS facéndose pasar pola Axencia Tributaria para obter os nosos datos bancarios

Recomendan non premer nas ligazóns e nunca facilitar información sobre contas ou tarxetas

G24.gal 12/04/2023 16:10

O certo é que todos os prazos se axilizaron moito desde que se pode facer a declaración da renda desde o ordenador da casa. Pero tamén ten un problema: é máis doado que os ciber-estafadores poidan facer das súas. De feito, nestas datas multiplícanse este tipo de calotes.

Recibir unha mensaxe no teléfono móbil en nome de Facenda no que se reclaman datos ou redirixen a outra páxina web, é motivo suficiente para poñernos en alerta: pode tratarse dunha estafa. "A Axencia Tributara xa ten os nosos datos bancarios e se tivera que realizar un reembolso, que é o gancho para captar ás vítimas, xa sabe onde facelo", explica José Araújo, do equipo de ciberdelincuencia da Policía Nacional de Ourense.

O recomendable é eliminar a mensaxe sen premer na ligazón. "Se ti lle dás ao enlace, empregan unha aplicación tipo Google Analytics que o que fai é saber desde que terminal móbil se conectou, que terminal e que número. Eles despois chaman por teléfono e parecen superconvincentes", advirte Roberto Valente, do equipo de ciberdelitos da Garda Civil.

A estafa tamén pode chegar a través do correo electrónico. As páxinas web ás que nos redixiren para obter os nosos datos seméllanse cada vez máis ás orixinais. "Detrás de todo isto non hai un delincuente común, hai organizacións criminais que se dedican a isto", -di Araujo-, "se o cliente é de Galicia van usar palabras que ao mellor en Andalucía non empregariamos".

Cun único obxectivo, gañar a nosa confianza. Para evitar caer nesta estafa hai que "acceder polas canles normais. A Axencia Tributaria vaiche pedir que te identifiques ou ben co certificado dixital, ou mediante clave", aclara Valente.

Ademais, insisten: nunca nos solicitarán nin por correo electrónico nin por mensaxe datos bancarios. "Se caes niso o primeiro que hai que facer é tratar de paralizar as transaccións económicas e denunciar", piden desde as forzas de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade