Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cidade de Santiago precisa máis taxistas para cubrir a demanda do servizo

A cidade de Santiago precisa máis taxistas para cubrir a demanda do servizo

A Asociación Radio Taxi de Compostela advirte de que os profesionais dispoñibles non son suficientes para cubrir a demanda, sobre todo de noite 

Solicitan ao Concello de Santiago que axilice a realización das probas para obter o carné de taxista  

 

G24.gal 26/04/2022 14:11

Santiago de Compostela busca taxistas. Así o fan saber dende a Asociación de Radio Taxi Compostela. Aínda en Ano Xacobeo, e coa organización de cada vez máis actividades como congresos ou concertos, a demanda de taxis aumentou e sobre todo nas franxas horarias nocturnas, cando lles resulta máis complicado cubrir o servizo.

"Os titulares non podemos estar as 24 horas, é imposible"

Rematada a Semana Santa, o sector lembra que xa están metidos de cheo na súa temporada forte. Máis afluencia de visitantes e polo tanto máis demanda deste servizo. "Sobre todo agora que se está activando un pouco todo. Como pasou esta fin de semana, que se fixo notar un pouco máis esa falta de condutores de noite porque era un congreso de xente bastante nova, que desfrutaron do ocio nocturno de aquí de Santiago", explica Jesús García, presidente da Asociación RadioTaxi Compostela.

Precisamente de noite é cando están a ter máis problemas á hora de poder ofrecer o servizo, pois na actualidade hai menos de cincuenta taxistas dispoñibles para esas franxas horarias. "Son poucos", lamenta Jesús García, "precisamos máis para cubrir non só de noite, senón xa de tarde, pois os titulares non podemos estar as 24 horas, é imposible".

"O ideal sería dúas probas ao ano para obter o carné de taxista"

Din que parte do problema se solucionaría se o Concello axilizase a realización das probas para obter o carné de taxista que se precisa en Santiago. Consiste nunha proba en que os candidatos deben demostrar que coñecen ben a cidade, non só as rúas, senón tamén os puntos de interese da cidade. A día de hoxe esa proba tan só se realiza unha vez ao ano, "o ideal sería dúas probas ao ano para poder cubrir un pouco esa falta de condutores segundo a época do ano", indica o presidente da asociación de taxistas. Mentres sexa así, demandan que se faga como moi tarde en marzo, antes de que a demanda do servizo comece aumentar coa Semana Santa. 

Para este ano, a preinscrición xa está aberta, na que os e as interesadas só terán que facilitar no rexistro o nome e apelidos e datos de contacto. Desde a asociación animan os condutores a que se presenten á proba, da que polo de agora aínda non hai data fixada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade