A futura lei de ordenación do litoral irá ao Consello da Xunta en marzo
A futura lei de ordenación do litoral irá ao Consello da Xunta en marzo
Así o dixo na RG Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, que sostén que a sentenza do Supremo sobre ENCE "carga de razóns" a Xunta no seu rexeitamento aos cambios no Regulamento xeral de costas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, confirma na Radio Galega que no mes de marzo se levará ao Consello da Xunta a futura lei de ordenación do litoral de Galicia para logo remitirse ao Parlamento galego. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vázquez asegura que a semana que vén quedarán respostas as 84 alegacións presentadas ao borrador da futura norma. A conselleira de Medio Ambiente recoñece que se incorporarán algunhas das achegas e lembra que tamén no mes de marzo se celebrará na Coruña un congreso temático do que tamén se tirarán propostas.
"No mes de marzo vai ao Consello da Xunta e despois xa entre nesa parte onde volve falar o pobo galego, onde está representado, que é no Parlamento"
A conselleira de Medio Ambiente tamén asegurou na conversa que a sentenza do Tribunal Supremo favorable á permanencia de ENCE na ría de Pontevedra reforza os argumentos da Xunta contra as modificacións adoptadas no Regulamento xeral de costas do Ministerio. Segundo explicou, "hai un antes e un despois, porque nos vemos cargados de razón unha vez máis ante o Supremo, despois de presentar a Xunta ese recurso no mes de xaneiro e despois de estudar moitísimo ese regulamento de costas".
Parques eólicos
A conselleira de Medio Ambiente tamén critica o Goberno por eliminar no último decreto anticrise a necesidade de declaración de impacto ambiental para proxectos de máis de 50 MW -que tramita o Ministerio-, para os que só abondaría unha tramitación exprés. Segundo Ángeles Vázquez, o que pretende o Goberno central é "un coadoiro" e unha "barra libre". Aí tamén cargou contra o PSdeG por estar -dixo-"mudo" e contra o BNG por votar a favor deste real decreto de procedementos exprés e "que dea aquí unha imaxe, que dea unha mensaxe e que dea en Madrid outra imaxe e que dea outra mensaxe".