Publicador de contidos
Publicador de contidos

Remata o xuízo do Alvia: Cortabitarte e Garzón renuncian á última palabra

Remata o xuízo do Alvia: Cortabitarte e Garzón renuncian á última palabra

O avogado do maquinista di que Garzón "é unha vítima máis" do Alvia

A defensa de Cortabitarte: "Todo se fixo ben, excepto a conduta do maquinista"

Familiares das vítimas concéntranse ante a Cidade da Cultura e esixen xustiza 

A sentenza non chegará ata a primavera de 2024

Andrés Cortabitarte e Francisco José Garzón afrontan a última sesión do xuízo do Alvia (EFE/ Xoán Rey)
G24.gal 27/07/2023 10:29 Última actualización 27/07/2023 16:24

O maquinista Francisco Garzón e o exdirector de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte renunciaron ao seu dereito para declarar na última sesión do xuízo do Alvia, un proceso que trata de determinar a responsabilidade penal polo accidente ocorrido en xullo de 2013 en Angrois, Santiago de Compostela.

Tras unha longa xornada, a última dun xuízo de dez meses de duración que finalizou este xoves coas conclusións finais das defensas dos acusados, a xuíza encargada do proceso, María Elena Fernández Currás, deixou o caso visto para sentenza.

Antes de despedir a todos os letrados, a maxistrada afirmou que espera "estar á altura" á hora de redactar a sentenza, que segundo fontes xudiciais podería estar lista mesmo para a próxima primavera e non na recta final deste ano.

No accidente faleceron un total de 80 persoas e quedaron feridas un centenar e medio. No banco dos acusados sentáronse tanto o maquinista como o exdirector de seguridade na circulación do Adif. Para ambos piden catro anos de cárcere por 80 delitos de homicidio imprudente e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave. 

O avogado do maquinista di que Garzón "é unha vítima máis" do Alvia

O avogado do maquinista do tren que en xullo de 2013 descarrilou en Angrois, nos arredores de Santiago de Compostela, sinalou este xoves no xuízo do Alvia que o que ocorreu "podería pasar con outro maquinista" e que se trataba dun accidente "anunciado".

O letrado Manuel Prieto sinalou que durante todo o proceso seguiu unha "liña coherente e real" en que queda demostrado que o seu cliente, Francisco José Garzón Amo, é unha vítima máis do sinistro.

No seu escrito de conclusións finais,  asegurou que a responsabilidade do maquinista non constitúe un delito e que é Adif quen debe responder penalmente por omisión de funcións ao non garantir a seguridade na liña.

O avogado opúxose por tanto ás acusacións e ás penas solicitadas pola Fiscalía e por algunhas acusacións particulares contra Garzón.  Ademais, acusou a Adif de "retorcer" o relato e alegou que a falta de análise de riscos e a súa mitigación, de limitación de velocidade, de protección do tren na curva e o deficiente cadro de velocidades máximas, así como unha incompleta formación e a inexistencia de procedementos de traballo foron as causas que motivaron o descarrilamento que causou 80 mortes.

Para Prieto é "innegable" que a curva era perigosa e que estaba desprotexida. Así o tratou de expoñer durante a súa extensa intervención, que durou máis de catro horas.

Sinalou que o maquinista é "unha vítima máis" e que en ningún caso é responsable da "neglixencia" de Adif, que co seu "relato" pretende evadir as súas "responsabilidades" na traxedia.

O maquinista Francisco José Garzón (2ªfila-d) (EFE/ Xoán Rey) O maquinista Francisco José Garzón (2ªfila-d) (EFE/ Xoán Rey)

"A Garzón ocorreulle o que lle ocorreu o que a calquera outro traballador lle podería pasar", dixo o letrado, que afeou que os maquinistas nesa liña "tivesen que ir mirando a paisaxe" para tomar referencias en lugar de mirar sinais "sen ambigüidades".

Segundo Prieto, co seu cliente non se respectou a presunción de inocencia, xa que se considerou todo o tempo ao maquinista como culpable, nunha estratexia por parte de Adif para crear "a aparencia dunha infracción".

"Desde o principio tratouse de culpabilizar o maquinista. O tráxico accidente non ocorrería se (Andrés) Cortabitarte -responsable de seguridade na circulación de Adif naquel momento- avaliase e xestionase o risco de exceso de velocidade no tramo do accidente", expresou

Cuestionou a decisión da Fiscalía de retirar a acusación contra Cortabitarte e reprochoulle que a normativa ferroviaria, lonxe de ser un "galimatías", era comprensible para os seus colegas do Ministerio Fiscal cando no accidente do metro de Valencia que tivo lugar en 2006 considerouse ao maquinista falecido no sinistro unha vítima da traxedia.

O letrado citou toda unha serie de normativas en materia de seguridade ferroviaria e puntualizou que estas non se respectaron por parte de Adif. "Adif nin avaliou nin xestionou o risco intolerable. Esta é cáusaa raíz do accidente. Era previsible o erro humano de calquera maquinista", argumentou.

A defensa de Cortabitarte: "Todo se fixo ben, excepto a conduta do maquinista"

O avogado defensor do exresponsable de seguridade na Circulación do Adif Andrés Cortabitarte pediu este xoves a súa absolución e lamentou que se lle queira converter en "o vilán que acompañe o maquinista" nas súas responsabilidades.

Na súa exposición final, a defensa do excargo de Adif criticou o papel das acusacións por "retorcer os feitos" para tentar atribuírllos ao seu cliente, cando na súa opinión a única causa e o único responsable do sinistro foi "a condución anómala, inusual, imprevisible e insólita" por parte do maquinista. "Todo en Adif e todo en Renfe se fixo ben excepto a conduta do maquinista", dixo. 

O letrado de Cortabitarte di que ao seu cliente se lle pon no foco como "o Cid Campeador de todo o sistema ferroviario". Criticou que toda a súa responsabilidade se vencelle ao certificado que asinou avalando a seguirdade na liña Santiago-Ourense. 

"Escolleron a Cortabitarte polo apelido do seu cargo", asegurou o seu avogado defensor, que argumentou que o seu patrocinado sempre actuou dentro das súas competencias conforme ao risco permitido, que non infrinxiu normativa algunha e que "non omitiu ningunha obriga do seu cargo, como a pretendida obrigación de facer unha avaliación integral dos riscos da liña".

Agradeceu ao Ministerio Fiscal que retirase a acusación ao seu cliente nas súas conclusións finais. De feito, insistiu, non existe, e as acusacións non conseguiron achegar a proba de cargo contra el, senón que simplemente dedicáronse a "retorcer" os feitos nun procedemento que foi "vulnerado" e que comprometeu a presunción de inocencia de Cortabitarte.

En calquera caso, sen querer atribuír responsabilidades penais a ninguén máis, o avogado de Cortabitarte insistiu en que no procedemento constan documentos asinados por outras persoas que tomaron decisións que se achacaron de modo equivocado ao seu cliente e que nin sequera foron citadas.

O macroxuízo finaliza hoxe coas conclusións finais das defensas dos acusados, tras varios meses -de outubro a febreiro na fase penal e de febreiro a xuño na fase civil- e case 700 intervenientes, entre testemuñas e peritos.

As vítimas do Alvia reclaman xustiza e sinalan "maior responsabilidade" de Cortabitarte

 As vítimas do Alvia, que se concentraron este xoves na porta da Cidade da Cultura onde se celebra desde outubro o xuízo, esixiron xustiza e sinalaron ao exdirector de Seguridade na Circulación do Adif Andrés Cortabitarte como o "maior responsable" do descarrilamento. De feito, recibiron con apupos a Cortabitarte, ao fiscal e aos avogados do Estado. 

Membros da Plataforma de Vítimas do Alvia concéntranse ás portas da Cidade da Cultura, onde se celebra a última sesión do xuízo (EFE/ Xoán Rey) Membros da Plataforma de Vítimas do Alvia concéntranse ás portas da Cidade da Cultura, onde se celebra a última sesión do xuízo (EFE/ Xoán Rey)

Nun comunicado, a asociación Plataforma de Vítimas Alvia 04155 sinalou que ao longo do xuízo, que quedará visto para sentenza hoxe, coincidindo practicamente co décimo aniversario do accidente, quedaron acreditados "os incumprimentos técnicos e normativos" por parte de Cortabitarte.

Afirman que os dous peritos "realmente independentes", César Mariñas e o exxefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) Christopher Carr, "deixaron claro a obrigatoriedade técnica e normativa de avaliar e mitigar o risco no cambio do proxecto e na desconexión do sistema de seguridade ERTMS polos atrasos que xeraba".

"Non se pode deixar un risco catastrófico en mans do maquinista, porque pode cometer un fallo", declarou Carr durante o xuízo.

Ademais, segundo a plataforma de vítimas, ao longo do proceso, "a maquinaria do Estado" tratou de demorar "o máximo posible" a vista, mesmo coa "ocultación e atraso" na entrega de documentos, ademais do cambio de xuíz por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, que demorou aínda máis o proceso.

Tamén criticaron a decisión da Fiscalía de retirar a acusación contra Cortabitarte, debido a que non soubo trasladar, segundo a plataforma, "por que antes dicía unha cousa e agora outra" e a actitude "cínica" da Avogacía do Estado, que xerou "máis dor se cabe" ás vítimas durante o xuízo.

"Trataron de confundir con enganos aos xuíces e demoraron a entrega de documentos vitais ata catro anos despois. Dixeron que eran de aplicación unhas leis e cando se lles volvía en contra dicían que non", expresaron.

"Sen obviar o descoido do maquinista, que se produce en cuestión de segundos, hai maior responsabilidade en Cortabitarte, que, como dixo o fiscal antes do seu inesperado xiro, non cumpriu co seu deber dentro do Adif de garantir que a liña era segura e desconectou o sistema de control de velocidade, sen previamente realizar unha avaliación do risco", resolveu a plataforma de vítimas no seu comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade