A dixitalización das lonxas axiliza o traballo e garante a trazabilidade
A dixitalización das lonxas axiliza o traballo e garante a trazabilidade
Trinta e cinco lonxas galegas adheríronse desde 2018 ao programa Primare Lonxas 4.0
É un sistema que as coloca entre as máis avanzadas informaticamente de Europa
Nada menos que 35 lonxas galegas adheríronse desde 2018 ao programa Primare Lonxas 4.0, que as coloca entre as máis avanzadas informaticamente de Europa.
Así o explicou a Conselleria do Mar Rosa Quintana na súa visita a tres dos puntos de marisqueo da ría de Pontevedra adheridos a esta plataforma Primare Lonxas 4.0.
É un sistema en que mediante unha tarxeta persoal as e os traballadores xa saben en canto chegan á lonxa canto van gañar ese día. Só teñen que subministrarlle os datos ao ordenador e este failles as contas.
A patroa maior de Lourizán dixo que era como levar un billete de supermercado. Para Rosa Quintana, o sistema asegura totalmente a trazabilidade e o control sobre o produto recollido e ademais mellora as condicións de traballo dos profesionais.
Programa Primare Lonxas 4.0
Hai case un ano, o programa Primare Lonxas 4.0 acelerou a dixitalización nas de Pontevedra e Poio, que axiliza o traballo das mariscadoras, asegura a trazabilidade e control do produto e mellora a comercialización. Cada mariscadora ten unha tarxeta magnética con que rexistra o produto recollido, clase, cantidade e tamaño. Os datos métense directamente no ordenador da lonxa.
"Creo que é a mellor forma de acreditar a trazabilidade do produto, os controis rigorosos que se fan cando o produto non dá a medida e volve inmediatamente sementarse na praia, e acreditamos unha vez máis que imos por diante do resto das rexións pesqueiras da UE no control estricto que facemos da produción dos nosos bancos, que é en automático, digamos", explica Rosa Quintana, Conselleira do Mar.
"O proceso é máis rápido e os mariscadores xa saben con esa tarxeta realmente o que van gañar", comenta Mari Carmen Vázquez. Patroa maior da confraría de Lourizán.
Automaticamente, os datos rexistrados pasan tamén á Consellería, onde xa se fai o control diario do que se vende decote nas lonxas adheridas a un sistema que permite ademais asistir ás poxas virtualmente nestes tempos de pandemia.
O único problema, din, é cando falla a propia tecnoloxía.