A DXT prevé máis de 175.500 desprazamentos en Galicia durante a ponte
A DXT prevé máis de 175.500 desprazamentos en Galicia durante a ponte
A operación estenderase dende este venres ata o domingo 11
Agárdase que as estradas galegas rexistren un 13 % dos 13,5 millóns de desprazamentos previstos en España
Este gran desprazamento coincide coa terceira baixada consecutiva no prezo do gasóleo e a gasolina.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé máis de 175.500 desprazamentos na rede viaria galega e doutras zonas do noroeste español durante a operación especial da ponte de decembro. O dispositivo especial ponse en marcha este venres 2 de decembro ás 15:00 horas, e ata a medianoite do domingo 11 de decembro, con motivo das festividades de ámbito nacional da Constitución e da Inmaculada.
Agárdase que as estradas galegas rexistren un 13 % dos 13,5 millóns de desprazamentos previstos en España durante a operación especial de tráfico.
A DXT sinalou como vías máis afectadas por intensidade de tráfico en Galicia a autoestrada AP-9 e as autovías A-6, A-8, A-52 e A-55, aínda que tamén se espera tráfico intenso na nacional N-550. Este é o motivo polo cal a DXT preparou un operativo especial que inclúe unhas medidas de regulación, ordenación e vixilancia que garanten a mobilidade e a fluidez nas estradas e, ao mesmo tempo, velan pola seguridade viaria.
Para favorecer a circulación nas zonas máis conflitivas en cada un destes dez días, a DXT previu, entre outras medidas de regulación e ordenación, a instalación de carrís reversibles e adicionais con conos nas horas de maior afluencia circulatoria e o establecemento de itinerarios alternativos.
Tamén se paralizarán as obras nas estradas, limitarase a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación da calzada e restrinxirase a circulación de camións en xeral e dos que transportan determinadas mercadorías en certos tramos, datas e horas.
Este gran desprazamento coincide coa terceira baixada consecutiva no prezo do gasóleo e a gasolina. Salvando as diferenzas entre as distintas estacións de servizo, de media hoxe un litro de gasolina custa sobre 1,73 euros e o de diésel 1,82. Son prezos moi por baixo dos máximos que marcaron no verán e que fan que o gasóleo xa custe menos do que custaba antes de que se aplicara o desconto dos 20 céntimos. Un pequeno alivio para todos os que viaxen nesta ponte festiva.