A empresa encargada de baixar ao Pitanxo ameaza con abandonar se non se formaliza o contrato axiña
A empresa encargada de baixar ao Pitanxo ameaza con abandonar se non se formaliza o contrato axiña
Xosé Cubeiro, xerente de ACSM Shipping: "Tiñamos todo preparado para saír e aquí desapareceu todo o mundo"
Unha vez localizado o pecio, a inspección podería estar lista nunha semana, avanzan desde a compañía encargada da inspección
O pasado venres, a Audiencia Nacional solicitaba con carácter urxente á Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos os informes necesarios para fixar unha data e buscar os restos do Villa de Pitanxo en augas de Terra Nova.
Este luns remataba o prazo para que o Ministerio de Transportes e ACSM Shipping, a empresa viguesa á que se lle encargou esa busca, asinasen ese contrato, feito que aínda non se materializou porque os tribunais aínda non determinaron unha data para realizar estes traballos.
Xosé Cubeiro, xerente da empresa adxudicataria desa inspección, explica que neste momento ten un barco atracado no Porto de Vigo pendente de formalizar ese contrato co Goberno para emprender o rumbo cara a Terra Nova.
En declaracións á Radio Galega amosaba a súa decepción co Goberno por non ter as cousas claras a día de hoxe. Na súa intervención, Cubeiro reiterou que se nas próximas horas non hai unha resposta por parte do Ministerio, está disposto a partir co barco cara a outro lado e abandonar este encargo.
"O barco non pode estar atracando en Vigo esperando a que a alguén se lle ocorra que saia para Terra Nova. Entre uns e outros revolveron todo e non seu o que vai pasar. Había un prazo previsto por lei e o adxudicatario é quen ten dereito a decidir cando sae o barco, e mañá non están as cousas clariñas, eu collo o barco e marcho traballar a outro lado", advirte.
Á incerteza por non ter noticia algunha sobre o contrato, traslada Cubeiro, hai que engadir o elevado custo de técnicos e tripulación, un total de 38 persoas que supoñen un importante desembolso económico cada día.
Manifesta que o buque está preparado para saír de inmediato, equipado con tecnoloxía, robots e equipos especializados por duplicado.
Traballos de rastrexo
Sobre os labores de busca, explica o xerente de ACSM Shipping que os robots que empregan non poderían acceder ao interior do Villa de Pitanxo por motivos de dimensións, xa que as máquinas que empregan nas inspeccións pesan varias toneladas e miden máis de tres metros de longo. Aclara Cubeiro que a inspección se realizaría por fóra, e que se podería acceder ás bodegas, pero dentro é imposible, asegura.
Conclúe que unha vez localizado o buque afundido en augas de Terra Nova, a inspección dos restos podería facerse no prazo dunha semana.
Besteiro reunirase este martes coas familias
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reunirase este martes, coas familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo. Así llelo trasladou a Administración aos familiares, despois de que estes últimos solicitásenllo a semana pasada. O encontro levarase a cabo na Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
Tal como informou a portavoz das familias, María José de Pazo, o tema principal da reunión será solicitar que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana colabore e dea traslado á Audiencia Nacional de toda a información necesaria para a operativa de baixada ao buque.
De Pazo agradeceu a Besteiro a celeridade coa que atendeu a petición das familias e que aceptase desprazarse ata Pontevedra para que así máis persoas poidan participar.