Publicador de contidos
Publicador de contidos

A extinción dos incendios desde o aire, o día a día nunha base helitransportada

A extinción dos incendios desde o aire, o día a día nunha base helitransportada

A evolución dos incendios, cada vez máis virulentos, aumenta os riscos da extinción aérea

É un traballo en equipo de medios aéreos e brigadas que traballan en lugares de difícil acceso por terra

 

Helicóptero de extinción na base helitransportada de Silleda
G24.gal 26/08/2023 21:26 Última actualización 26/08/2023 21:40

O labor dos medios aéreos nos incendios permite unha maior capacidade de extinción, e tamén achegar as brigadas a puntos de difícil acceso por terra. Desde a base helitransportada de Silleda o piloto Carlos Marcos Cid dá a coñecer como se traballa nestas datas, cando o índice de risco diario vai de alto a extremo.

Pilotos, mecánicos e brigadas están de garda desde que sae o sol ata que se pon na base operativa de Silleda. En canto soa a alarma toca prepararse para saír. Relátao Carlos Marcos Cid, piloto de incendios forestais.

A nós a emisorista dános a folla de cuadrícula, facemos a planificación do tempo que tardamos en chegar á zona e o tempo que temos para traballar na zona. Unha vez que chegamos orbitamos, o técnico valora o incendio e dinos onde os deixamos e onde empezamos a actuar: flanco dereito, cola, cabeza... 

O traballo en equipo esixe unha coordinación permanente. Desde o aire é máis doado anticiparse á evolución do lume e ver os riscos que poden darse en terra.

O momento máis complicado que temos nós e que esixe máis responsabilidade é deixar a brigada. Ao final estás deixando dez vidas. Tes que deixalos o máis cerca do incendio pero con seguridade. E despois poñerte a traballar. Que teñas cambios drásticos meteorolóxicos, que haxa un movemento de vento que non agardas e que a brigada poida quedar atrapada. Entón nese momento tes que ser o máis rápido posible pero á vez cunha marxe de seguridade.

A evolución dos incendios fai cada vez máis complexo e impredicible o seu traballo. 

Hai moita vexetación que non está coidada, cunhas condicións meteorolóxicas de moita calor e vento e cero humidade. Iso provoca que os incendios cheguen a un punto que son case case incontrolables. Nós tratamos de acoutar os flancos pero non somos moi efectivos cando ten tanta violencia ese incendio.
Para min o ano pasado, levo nove campañas, o ano pasado Galicia foi unha loucura. Empezaron en xullo con tormentas secas na zona do Courel. Eu estaba daquela en Lugo e fun o primeiro en engalar e era de verdade desolador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade