Piden seis anos de cadea para o coruñés acusado de quedar cun boleto millonario
Piden seis anos de cadea para o coruñés acusado de quedar cun boleto millonario
O billete da Primitiva estaba premiado con 4,7 millóns de euros, pero cando o dono foi comprobalo á administración, o encargado desta díxolle que non tiña premio
A Fiscalía vén de remitir ao xulgado da Coruña que leva o caso o seu escrito de cualificación.
Nel solicita seis anos de prisión para Manuel Reija por apropiarse, presuntamente, do boleto de Primitiva premiado con 4,7 millóns de euros en 2012 cando o seu dono foi comprobalo á súa administración. O Ministerio Público considérao autor dun delito de estafa ou de apropiación indebida. O responsable da administración de lotería sempre defendeu a súa inocencia asegurando que o atopara extraviado.
No seu escrito, a Fiscalía tamén dirixe a súa acusación contra o irmán deste, delegado de Lotarías na provincia da Coruña. Impútalle un delito de branqueo de capitais polo que solicita seis anos de prisión amais dunha multa de 9,4 millóns de euros, o duplo do valor do premio. Alternativamente solicita para el tres anos de cadea por un delito de encubrimento.
A acusación pública considera que o responsable do establecemento non lle dixo ao dono do boleto que estaba premiado e tampouco llo devolveu. Si que llo comunicou ao seu irmán. Sostén a Fiscalía que tratou de cobrar o premio en varias ocasións incluso cando xa había abertos procedementos reclamando a súa titularidade.
A Fiscalía reclama que o boleto, que continúa depositado en Loterías e Apostas do Estado, se lles entregue aos herdeiros do home, xa falecido, ao que a Policía Nacional identificou como o seu lexítimo dono. O caso está á espera de xuízo.