A folga de Ryanair podería afectar este venres a 73.200 pasaxeiros
A folga de Ryanair podería afectar este venres a 73.200 pasaxeiros
Prevese que a folga afecte a 440.000 usuarios en total
Os sindicatos din que os servizos mínimos son abusivos
Este venres comeza a primeira das seis xornadas de folga dos tripulantes de cabina de Ryanair en España.
Durante o período que dura a folga están programados 2.649 voos e máis de 500.000 asentos asignados. Prevese que afecte a uns 73.200 usuarios este venres e cerca de 440.000 en total.
As protestas convócanse para obrigar a Ryanair a cumprir coa aplicación dos dereitos laborais básicos e as sentencias xudiciais. Tamén se persegue pechar un convenio e unhas condicións de traballo dignas, segundo informan os sindicatos.
A OCU recorda que os viaxeiros afectados teñen dereito a un reembolso do importe do billete e unha compensación adicional segundo a distancia e o servizo de voos alternativos.
Unha folga a nivel europeo
Os traballadores da compañía en Bélxica, Portugal, Francia e Italia súmanse tamén á mobilización.
"A compañía actúa da mesma maneira dentro e fóra de España: sen aplicar a lexislación laboral de cada país, sen executar as sentenzas xudiciais, buscando sindicatos sen representación que avalen unhas condicións precarias para as súas tripulacións e empregando a coacción e o medo na xestión do seu persoal", di USO.
USO informou tamén de que Ryanair decidiu cancelar todos os voos operados por Bélxica debido a que no país non hai servizos mínimos e a empresa sabe que farían folga.
Servizos mínimos
O Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana fixou uns servizos mínimos que van do 73 % ao 82 % en voos nacionais coas illas. No caso dos peninsulares son do 53 % ao 58 % se o tempo de desprazamento en transporte público é superior a 5 horas e internacionais.
No caso de alternativa inferior a cinco horas só están programados en Barcelona cuns servizos mínimos do 36 %.
Para USO, os servizos mínimos establecidos son "totalmente abusivos" e cren que vulneran o dereito á folga dos traballadores da compañía.