Publicador de contidos
Publicador de contidos

A frota do Cantábrico non esgotou a cota de bonito nesta costeira

A frota do Cantábrico non esgotou a cota de bonito nesta costeira

Foi a costeira máis longa dos últimos anos, pero malia iso o balance de volume de negocio é satisfactorio

G24.gal 04/11/2022 12:05

Por primeira vez dende o ano 2015, a frota española non esgotou a cota de bonito. Habitualmente finalizan a campaña a finais de agosto, pero este ano os peixes pican menos, o que está prolongando a época de capturas. Aínda así, o balance de volume de negocio é moi satisfactorio.

A estas alturas do ano a frota boniteira do Cantábrico aínda podería capturar un millón catrocentos mil quilos antes de esgotar a cota. Non é o habitual. A de 2022 é unha costeira longa. Hai peixe e hai capturas, pero menos porque por razóns posiblemente climáticas os bonitos non teñen tanta fame de picar a carnaza dos anzois.

Miguel Neira, xerente de ABSA, di que queda un 8 por cento da cota por consumir, pero xa vai ser difícil. "É unha campaña moi distinta á dos últimos catro anos, que pechabamos en agosto, e este ano volve ser unha costeira como as de antes", afirma.

Ao porto de Burela favorécenlle costeiras longas porque, seguindo a migración dos bonitos de regreso ao Atlántico, caen descargas dos grandes buques vascos e asturianos. É unha costeira longa, pero tamén con custos de explotación de récord para a frota.

Miguel Neira di que "esta costeira foi a máis longa dos últimos anos, pero tamén a máis custosa tanto polo prezo do combustible como porque os barcos tiveron que facer máis mareas para conseguir os mesmos ingresos".

Este ano en Burela facturáronse 11.000 quilos máis que o ano pasado, cun volume de negocio de cinco millóns seiscentos mil euros. Un millón máis que en 2021.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade