A Garda Civil asiste máis de 50 avarías ao día nas estradas galegas
A Garda Civil asiste máis de 50 avarías ao día nas estradas galegas
No que vai de ano fixeron 9.000 auxilios, unha cifra que medra pola idade do parque móbil
Aconsellan parar nun sitio visible, sinalizar con luz V16 ou triángulos e agardar nun lugar seguro
No que vai de ano, a Garda Civil tivo que asistir 9.000 avarías nas estradas galegas. A cifra medra cada día polo envellecemento do parque móbil ou a súa mala conservación. Para minimizar riscos o primeiro é manter a calma e buscar onde parar.
"Non fai falta parar xusto cando comeza a ir mal o coche. Se é posible hai que buscar un sitio seguro e visible mellor fóra da vía, na beiravía, e poñerse a sinalizar", explica o garda civil Héctor Teixeira.
Co chaleco posto saímos sinalizar. Na actualidade está permitido usar a luz V16 no teito do coche, o triángulo a 50 metros de distancia, ou ambos dispositivos xuntos. A partir de 2026 só poderá usarse a luz e terá que ter un dispositivo de xeolocalización homologado.
"Polo tanto é mellor que cando compremos a luz V16 sexa xa a que vai ter conexión coa DXT porque para esa data será a obrigatoria", matiza o axente Teixeira.
Malia que a maioría da xente regresa ao coche, a recomendación xeral é agardar a asistencia fóra do vehículo.
"Fóra pero non no medio da calzada, hai que ir detrás dun valo ou da varanda de protección ou lugares afastados do perigo".
Se non é posible afastarse da estrada, o condutor pode agardar no coche, pero sempre co cinto posto, xa que un vehículo parado está moi exposto á colisión.