A Garda Civil atopa o machete que usou o presunto parricida de Esteiro
A Garda Civil atopa o machete que usou o presunto parricida de Esteiro
O Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) desprazado a Muros localizou este mediodía esta ferramenta de fío metálico e mango de madeira co que Antonio Maio matou presuntamente a seu pai
A Garda Civil atopou este martes a arma utilizada no presunto parricidio de Esteiro, coa que un mozo de 19 anos, que pasou a súa primeira noite en prisión, mataría a seu pai, de 59, enterrado o pasado domingo.
O Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), indicou o Instituto Armado, desprazouse esta mañá ao peirao de Esteiro para proceder á localización do obxecto utilizado neste crime e, no transcurso da inmersión, os efectivos deron con esta ferramenta de fío metálico e mango de madeira.
Á vítima mortal, José Manuel Maio Brea, os seus veciños chamábanlle o Peseta e era moi coñecido en Esteiro, onde ata a súa prexubilación rexentou un bar xustamente no baixo do edificio en que tamén vivía o seu fillo, Antonio, e onde se produciu o homicidio.
O único detido por estes feitos acolleuse o luns ao seu dereito a non declarar e foi enviado ao cárcere en réxime de prisión provisional comunicada e sen fianza. Está investigado por un delito de homicidio, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.