A Garda Civil detén 15 persoas en Galicia por máis de 40 delitos contra o patrimonio
A Garda Civil detén 15 persoas en Galicia por máis de 40 delitos contra o patrimonio
O valor do subtraído supera os 700.000 euros
Están previstas máis detencións ao longo da semana
Un dos detidos ingresou en prisión e o resto dos investigados quedaron en liberdade coa obrigación de presentarse periodicamente no xulgado
No marco da operación Salvamorel a Garda Civil detivo 13 persoas, once homes e catro mulleres, pola súa presunta participación en polo menos corenta roubos con forza, subtraendo material por un valor superior aos 700.000 euros na comunidade autónoma de Galicia.
Este grupo de delincuentes comezou a ser investigado no mes de marzo polo equipo ROCA da Garda Civil de Santiago de Compostela, responsable da investigación, ao detectar a presenza dalgún deles nas inmediacións de naves industriais onde posteriormente se cometeron varios roubos.
Os investigadores comprobaron que detrás da comisión destes feitos estaba unha trama delituosa formada por un grupo con lazos familiares e base no poboado denominado O Carqueixo, situado na localidade de Lugo. A maioría dos investigados contaban cun amplo historial delituoso con antecedentes por roubos con forza e mesmo algúns deles con numerosas ordes de procura e detención.
Un elevado número de gardas civís das comandancias da Coruña, Lugo e do GRS (Grupo Rural de Seguridade) de Pontevedra, participaron neste operativo que permitiu a detención dos investigados e a recuperación de numeroso material incriminatorio procedente dos roubos.
Na madrugada do día 27 de xullo realizáronse simultaneamente oito rexistros en vivendas en diversas localidades das provincias da Coruña e Lugo. En Santiago e Betanzos levaron a cabo dous rexistros, en Melide os axentes entraron en dúas vivendas e en Lugo realizáronse outros catro rexistros en vivendas e no poboado de chabolas do Carqueixo, onde se interviñeron dúas escopetas presuntamente subtraídas na Coruña cos números de serie borrados.
Os detidos actuaban coordinados en grupo, normalmente desprazábanse en varios vehículos para detectar a presenza das patrullas de policía. Para non ser identificados, no lugar dos feitos, subtraían vehículos que empregaban tanto para acceder ao lugar onde cometían os roubos como para darse á fuga sen temor a ser identificados.
Cando eran detectados polas patrullas policiais, non dubidaban en fuxir a gran velocidade poñendo o perigo a seguridade do resto de condutores, por cuxo motivo tamén se lles imputan diversos delitos contra a seguridade do tráfico.
Noutras ocasións, cando eran sorprendidos participando nos roubos cos vehículos da súa propiedade, presentaban denuncias de roubo nos cuarteis da Garda Civil simulando que llelos subtraeran, polo que tamén se lles imputan varios delitos de denuncia falsa e simulación de delito.
O obxectivo preferido da banda eran os roubos en naves industriais e almacéns de material eléctrico, onde subtraían as bobinas de cable de cobre debido ao prezo tan elevado deste tipo de material no mercado. Os detidos preparaban o cobre para a súa venda retirando a goma e o plástico da cuberta, para iso empregaban dúas máquinas industriais de pelar cable, as cales foron localizadas nos rexistros domiciliarios.
Os investigados subtraían camións ou furgóns que empregaban para o transporte do material roubado. Mesmo nalgunhas ocasións chegaron a roubar simultaneamente camións para o transporte das pesadas bobinas de cable e turismos que utilizaban como lanzadeiras que lles permitían detectar a presenza policial na estrada antes de que pasase polo lugar o vehículo que portaba o material roubado.
Este foi o método que utilizaron os detidos nun roubo de bobinas de cobre, valoradas en máis de 40.000 euros, perpetrado nun almacén de material eléctrico no termo municipal de Ordes.
Os detidos cometeron roubos en toda a comunidade autónoma de Galicia, principalmente nas provincias da Coruña e Lugo. Roubaron en naves e almacéns, en establecementos comerciais de maquinaria e ferramentas, en canteiras, en segundas vivendas situadas en zonas illadas, en talleres mecánicos etc.
Ademais, subtraeron un número importante de vehículos que utilizaban para cometer os roubos, principalmente dunha marca, un modelo no que se especializaron para vulnerar sistema de seguridade do aceso.
Os investigadores interviñeron nas vivendas numerosos efectos procedentes dos roubos: televisores, maquinaria, ferramentas, equipos de son, armas de fogo, pistolas simuladas, pneumáticos, cable de cobre etc.
O material intervido é só unha pequena mostra da gran cantidade de efectos subtraídos, xa que os investigados procuraban desfacerse da maior parte do material nas horas seguintes á subtracción.
Os roubos eran cometidos pola noite trasladando de inmediato os efectos ata o poboado de chabolas do Carqueixo en Lugo, onde o ocultaban. Unhas horas máis tarde, outros compoñentes do grupo encargábanse de transportalo e vendelo por centos de quilómetros, fóra da provincia ou mesmo noutras comunidades autónomas, empregando para o traslado vehículos furgón de empresas de alugueiro, o que lles permitía dificultar que as forzas e corpos de seguridade puidesen detectalos.
A investigación levouse a cabo baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 2 da localidade de Ordes (A Coruña), estando previstas máis detencións ao longo da semana. Un dos detidos ingresou en prisión e o resto dos investigados quedaron en liberdade coa obrigación de presentarse periodicamente no xulgado.