Desmantelan unha banda que lle estafou 52.000 euros por Internet a un veciño de Padrón
Desmantelan unha banda que lle estafou 52.000 euros por Internet a un veciño de Padrón
A unidade de delitos telemáticos do Milladoiro investiga catro homes nas Baleares, Badaxoz e Huelva que ofrecían préstamos en condicións vantaxosas
O equipo @Milladoiro da Comandancia da Garda Civil da Coruña de resposta en materia de ciberdelincuencia, investigou catro persoas, dúas nas Baleares, outra en Badaxoz e a última en Huelva por estafarlle supostamente 51.587 euros por Internet a un home veciño de Padrón.
En xaneiro de 2022 empezou a investigación da operación Kamen, tras a denuncia dun home de Padrón relacionada cuns préstamos por Internet.
Segundo a denuncia, localizara estes préstamos cun tipo de interese baixo, polo que pediu 5.000 euros, que supostamente lle concederon. Para realizaren o ingreso, pedíronlle as claves da aplicación do móbil do seu banco e advertíronlle que non podería acceder durante a fin de semana para "non obstaculizar o trámite de ingreso".
A vítima confiou, pero o seguinte que soubo foi que realizaran seis transferencias bancarias que sumaban 51.587 euros, das que recibiu o aviso por parte da súa entidade bancaria.
O equipo da Garda Civil especializado en ciberdelincuencia do Milladoiro investigou o caso e localizou as catro persoas que integraban o grupo criminal desmantelado.
Tiñan funcións xerarquizadas para cada un dos seus membros, como establecer os contactos e enganar as vítimas, facer ingresos de cartos en contas con mulas económicas e outros pasos para realizar as estafas.
Os líderes da banda son dous homes residentes nas Baleares, que contactaron co denunciante e quedaron coa metade dos cartos, mentres que os veciños de Badaxoz e Huelva actuaban como mulas económicas nas transferencias. Ou sexa, cedían as súas contas nos bancos para mover os cartos logrados de xeito ilícito.