A Garda Civil incorpora drons con visión térmica nas súas misións
A Garda Civil incorpora drons con visión térmica nas súas misións
Chegan a lugares inalcanzables para unha persoa e detectan os focos de calor
A Comandancia de Pontevedra utilízaos en incendios e dispositivos de busca
A tecnoloxía ponse ao servizo dos dispositivos de emerxencias. O equipo Pegaso da Garda Civil de Pontevedra conta xa con dous drons e está a espera de recibir o terceiro.
A axente Maite Viso explica que "ofrecen unha nova forma de reunir información" e destaca que, ao poder tomar imaxes aéreas, "dispoñemos de datos precisos e moi específicos para determinadas misións como son as coordenadas, a visión termográfica ou medir áreas".
As aeronaves non tripuladas contan, ademais, cunha cámara termográfica que "proporciona unha información que nunca obteriamos á vista dun humano", tal como indica Agustín Martínez, outro dos membros do equipo.
Os drons chegan onde non pode chegar unha persoa e nos últimos meses tiveron que poñelos a proba en varias ocasións. Utilizáronos, hai apenas uns días, no dispositivo de busca do neno desaparecido en Arbo e o pasado mes de marzo foron de grande axuda nas tarefas de extinción do incendio que afectou varias naves no polígono do Rebullón, en Mos. A cámara térmica ofrece unha información moi valiosa para os bombeiros.
No caso de incendios, o dron desenvolve un labor fundamental para dirixir aos equipos de bombeiros e amosarlles os puntos quentes que poida haber. O xefe do equipo Pegaso da Comandancia de Pontevedra, Omar Cambeiro, sinala que "así poden divisar a magnitude do lume e tomar as decisións oportunas".
Na comandancia da Garda Civil de Pontevedra levan traballando con drons dende o ano 2019. Prestan apoio aéreo, habitualmente, para a vixilancia de eventos multitudinarios, verteduras ou control de fronteiras.