Investigan as causas do lume que calcinou un barco e unha planadora en Moaña
Investigan as causas do lume que calcinou un barco e unha planadora en Moaña
A Garda Civil inspecciona a zona para confirmar se o incendio puido ser intencionado
Sobre as dez e media da noite varios estoupidos e a aparición das lapas puxeron en alerta os veciños da parroquia de Meira, no concello pontevedrés de Moaña. Dúas embarcacións estaban ardendo preto das instalacións dun estaleiro.
Unha era un buque preparado para o seu despezamento, a outra, unha lancha tipo planadora. Inmediatamente, mobilizáronse os equipos de emerxencias.
"Unha vez que se apagou o barco grande, o de vinte metros de eslora, procedeuse a facer a extinción da de poliéster, que levou máis de traballo, xa que tiña bastante combustible de gasolina almacenado, e ao queimarse os cabos cos que estaba amarrada en terra, quedou á deriva e tivemos que botar man da colaboración de Salvamento Marítimo para ila achegando a nós e facer a extinción a través de escuma", relata David Padín, sarxento xefe dos bombeiros do consorcio provincial de Pontevedra.
Ao lugar acudiron bombeiros do Morrazo, Vigo, Ribadumia e Protección Civil de Cangas, a Policía Local de Moaña e efectivos da Garda Civil, que están a investigar se se trata dun incendio intencionado.
A maior preocupación dos servizos de emerxencia era que o lume non se espallase ás instalacións do estaleiro e que non alcanzase as substancias altamente inflamables que contiña.
"Inicialmente notificárannos que había unha serie de recipientes de propano e osíxeno, que son utilizados para facer o oxicorte, xa que un dos buques está para despezar. E a nosa prioridade era que ese lume non se espallase cara a outras zonas do peirao", explica.
Esta mañá podíase contemplar o alcance do incendio. Non se produciron danos persoais pero as dúas embarcacións afectadas quedaron totalmente calcinadas.
Un buque de Salvamento Marítimo despregou barreiras anticontaminación para evitar que o combustible e os refugallos se esparexesen pola ría. Un equipo da Garda Civil continuará hoxe inspeccionando a zona.