Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil investiga unha vaga de roubos en Leiro

A Garda Civil investiga unha vaga de roubos en Leiro

Os cacos actúan sobre todo de madrugada e non lles importa que haxa xente no interior

G24.gal 01/04/2024 14:07

Un grupo de ladróns ten atemorizados os veciños de Leiro en Rianxo. Dende principios de ano roubaron en máis de doce vivendas da parroquia. Os cacos actúan sobre todo de madrugada e non lles importa que haxa xente no interior e aí o medo dos veciños que non queren que se lles recoñeza. Din que o problema é se te atopas con eles dentro da túa casa. Aseguran que viven con ansiedade en medo de que danen a algunha persoa maior.

A forma de actuar é sempre a mesma: acceden ás vivendas forzando unha fiestra e buscan diñeiro en efectivo ou ferramentas de construción que se poidan vender facilmente no mercado negro. No centro sociocultural  Vicente Vidal de Leiro xa entraron en dúas ocasións. Héctor Vicente di que esnaquizaron unha fiestra de madeira e unha porta e roubaron bebidas e comida.

A Garda Civil de Rianxo intensificou a vixilancia polas noites para disuadir os ladróns. Tamén o fixeron os veciños, pero ao seu xeito. Avísanse a través de mensaxes cando ven aos cacos espreitando pola zona.

A Garda Civil e a Policía Local de Rianxo traballan conxuntamente para poñer fin a esta vaga de roubos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade