Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil localiza unha menor de 13 anos casada á forza e embarazada

A Garda Civil localiza unha menor de 13 anos casada á forza e embarazada

Detiveron o home da rapaza e os proxenitores da parella por tráfico de seres humanos 

O marido "concertado" tamén se enfronta a un delito de agresión sexual

G24.gal 23/03/2024 10:21 Última actualización 23/03/2024 12:07

A Garda Civil localizou en Moral de Calatrava (Cidade Real) unha menor de 13 anos, casada de xeito forzoso e embarazada de 12 semanas. Na operación foron detidos tanto o marido da rapaza coma os proxenitores de ambos os dous.

Segundo informa o instituto armado en nota de prensa, a vítima está encinta por segunda vez tras un aborto anterior por malformacións no feto.

A operación desenvolveuse no marco das actuacións da Garda Civil para erradicar o tráfico de seres humanos. A través da Fiscalía de Menores tiveron coñecemento de que unha nena de trece anos sufrira unha interrupción voluntaria do embarazo por unha grave malformación no feto.

Por tal motivo, os axentes iniciaron xestións para coñecer o estado actual da menor, así como para poder localizala, descubrindo que a nena se atopaba novamente embarazada.

Axentes da investigación constataron que fora captada a través de redes sociais en marzo de 2023 coa finalidade de contraer un matrimonio concertado cun home residente na localidade de Moral de Calatrava (Cidade Real).

Por tal motivo, activouse o protocolo de desamparo de menores con carácter de urxencia, facéndose cargo da menor a Consellería de Benestar Social da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha.

Detencións

O home foi detido por un delito de tráfico de seres humanos polo matrimonio forzado e por un delito de agresión sexual. Igualmente, detiveron os proxenitores de ambos os dous por outro delito de tráfico de seres humanos con fins de matrimonio forzoso, matrimonio infantil concertado.

A operación foi levada a cabo pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Cidade Real. As dilixencias foron postas en coñecemento do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Valdepeñas e da Fiscalía de Menores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade