A Gudiña agarda revivir coa chegada da alta velocidade á localidade
A Gudiña agarda revivir coa chegada da alta velocidade á localidade
A estación Porta de Galicia inaugurarase este luns 20 e agárdase que o acto estea presidido polo rei de España
Duplicaranse os trens de alta velocidade a Madrid que pararán na estación da Gudiña, de dous pasarán a catro en cada sentido
Prevese que se poida triplicar o número de viaxeiros chegando a 80.000 ao ano
A partir deste luns 20 de decembro a estación Porta de Galicia da Gudiña vai ser o punto de entrada da alta velocidade desde Madrid. Unha viaxe de dúas horas e cinco minutos que conectará viaxeiros do norte de Portugal, a zona do Bierzo e todo o oriente ourensán. Todo un acontecemento histórico que a veciñanza agarda sexa moi positivo para a vila.
Toda a veciñanza da Gudiña e sobre todo o sector da hostalería, ten a expectativa de que a histórica chegada da alta velocidade ata esta estación Porta de Galicia vai supor un importante pulo económico para todo o municipio e para esta zona en xeral.
Punto de conexión entre o Norte de Portugal coa meseta
Esta estación, a única de nova construción neste percorrido, vai ser a entrada do AVE de Madrid a Galicia e tamén o conectará co Norte de Portugal, a zona do Bierzo e boa parte da provincia de Ourense.
Actualmente a vella estación da Gudiña recibe uns 26.000 viaxeiros ao ano e, segundo as previsións de Renfe e o Adif, agárdase que este número se poida triplicar e que por aquí pasen ao ano unhas 80.000 persoas.
As expectativas son boas para os seis hoteis e os máis de 20 establecementos hostaleiros do municipio. Duplicaranse os trens de alta velocidade que paran aquí, de dous pasarán a catro en cada sentido, cos que se prevé triplicar o actual número de viaxeiros.
"Eu penso que ponnos máis no mapa, xa estabamos como zona de paso, semprede parada, pero e agora vainos situar máis no mapa e conoceanos máis xente", asegura Víctor Martínez, copropietario do Hotel Restaurante Bruma de A Gudiña.
Esperanzados en que o AVE axude a revivir a economía do municipio. A primeira viaxe desde Madrid está prevista para este luns 20 e agárdese que o Rei de España presida a inauguración da estación da Gudiña, Portas de Galicia.