Publicador de contidos
Publicador de contidos

A maxistrada de Tui prorroga seis meses a investigación do caso Déborah

A maxistrada de Tui prorroga seis meses a investigación do caso Déborah

Agarda as conclusións da investigación da Garda Civil sobre o disco duro

G24.gal 29/12/2022 09:25 Última actualización 29/12/2022 13:01

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Tui prorrogou seis meses máis a investigación do 'caso Déborah', a moza viguesa achada morta nunha cuneta do Rosal en 2002.  

Tal como informaron os avogados da familia da vítima, a xuíza tomou esta decisión despois de que en novembro a Audiencia Provincial de Pontevedra acordase non abrir polo momento o procedemento de xurado.  Na súa desestimación, os maxistrados aseguraban que aínda "existen unha serie de liñas de investigación que se precisan para poder valorar os indicios existentes na causa (...) para poder determinar a existencia de indicios da comisión dun delito de homicidio".    

Ademais, engadían que a xuíza de instancia decidiu diferir esta decisión ata o momento en que se practiquen as probas acordadas, xa que "poderían existir indicios tendentes a sinalar a outras persoas".  

Por todo iso, agora o Xulgado de Tui decidiu ampliar a investigación seis meses máis, a pesar de que xa pasaron máis de 20 anos desde que a moza foi achada sen vida. Por iso, en abril deste ano prescribiron os feitos, salvo aquelas actuacións que teñen que ver co único investigado, o exmozo da moza.  

Precisamente por iso este mes de xaneiro acudirá a declarar a perito experta lingüista Sheila Queralt, despois de presentar un informe que apunta que o acusado Pablo P.S-L. puido "faltar á verdade" na súa declaración ante a xuíza.  

En concreto, acudirá aos xulgados o próximo día 24 de xaneiro, tras suspender a súa anterior declaración, prevista para mediados deste mes de decembro.   No seu estudo sobre as manifestacións do exmozo de Déborah, esta experta sinalou que a súa análise pon de manifesto a presenza de certos trazos que indicarían un "intento de ocultar a verdade".  

Eses sinais, serían detectadas en aspectos concretos da súa declaración, como aqueles referidos á finalización da súa relación de parella coa vítima; na súa explicación de por que chegou tarde a un partido de fútbol o día que a moza desapareceu; ou cando é preguntado directamente se lle fixo dano a Déborah ou se a matou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade