Publicador de contidos
Publicador de contidos

A pericia dos pilotos evita unha traxedia nun avión en Vigo

A pericia dos pilotos evita unha traxedia nun avión en Vigo

Unha bandada de pombas estragou un dos motores en plena engalaxe en Peinador

Os mandos da cabina frearon a aeronave de inmediato

G24.gal 18/06/2022 10:43 Última actualización 18/06/2022 11:17

O aeroporto de Peinador en Vigo estivo a piques este venres de vivir unha traxedia na engalaxe dun dos voos programados durante a mañá cara a Barcelona.

O Airbus A320 de Vueling que ía realizar a ruta entre Vigo e Barcelona dispúñase a engalar e xa alcanzara a máxima velocidade en pista, case 500 quilómetros por hora, cando se cruzou unha bandada de pombas. As aves introducíronse na turbina esquerda e esnaquizárona por completo.

A destreza dos pilotos da aeronave levounos a tomar unha decisión en décimas de segundo e abortaron a manobra. O aparello xa alcanzara a velocidade V1 e ía pasar a V2, que en termos aeronáuticos supón que os avións levantan o morro, o tren dianteiro xa non toca chan, e éntrase nunha fase de non retorno. Ante esa situación, xa non lle quedaría outra que completar a engalaxe se lle fose posible cun só motor, pero a posibilidade dun incendio na turbina sinistrada considerouse moi alta.

Aínda que os pilotos reciben instrución para voar cun só motor, estímase que no momento crítico de engalar poden darse situacións imprevistas e supoñen, en todo caso, un risco elevado de accidente.

A resposta dos pilotos a cargo do avión foi frear de inmediato. E malia que houbo serio risco dunha saída de pista non se produciu.

Tanto os pasaxeiros coma a tripulación saíron así sen incidentes do susto. Aos viaxeiros trasladounos a compañía aérea en autobús ata o aeroporto do Porto para realizar a viaxe ata Barcelona.

Técnicos de Vueling da base de Santiago revisaron o aparello para avaliar a posibilidade de que voase a Madrid para reparalo, pero desbotouse, polo que permanecerá en Peinador, onde ademais, tamén estará a disposición das autoridades aéreas para analizar a situación.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade